Xove formará outro ano máis a socorristas, unha profesión con gran demanda no verán

María Cuadrado Fernández
m. cadrado XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O curso durará varios meses e os alumnos recibirán un certificado de profesionalidade

17 nov 2022 . Actualizado á 09:10 h.

Un curso para formar a socorristas para traballar en espazos naturais volverá celebrarse no municipio de Xove. Esta actividade xa se impartiu nos últimos anos para dar formación completa e garantir unha homologación co certificado de profesionalidade que se entrega.

Ante as dificultades ás que se enfrontan cada verán os concellos galegos para contratar a socorristas para praias ou ríos, o Concello xovense, cunha subvención e baixo as normas da Xunta, impartirá unha nova edición do curso, que oferta quince prazas e que se prolongará desde o 9 de xaneiro ao 16 de maio.

Haberá formación teórica e práctica na piscina, de luns a venres, de 16 a 21 horas. É unha actividade aberta a calquera persoa sempre que cumpra varios requisitos, como ter a ESO, ata segundo do antigo BUP, competencias clave de nivel II de galego, castelán ou matemáticas, entre outros. A selección do persoal está prevista para finais de decembro, segundo avanza Rosa Lage, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello. Cabe lembrar que Xove é tamén un municipio no que se imparten cursos de reciclaxe para socorristas, de 16 horas.

Atención Sociosanitaria

Por outra banda, desde o Concello anuncian que acollerán un curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións, con quince prazas. Impartirase do 22 de maio ao 25 de setembro e incluirá prácticas en institucións. Ambos os cursos están dirixidos inicialmente a desempregados rexistrados no INEM. Se non se cobren as prazas estas abriranse ao resto.