O CD Foz gañou o derbi de rivalidade comarcal co Burela

francisco manuel p. FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Os focenses déronlle a volta ao marcador tras adiantarse os visitantes

22 sep 2022 . Actualizado á 20:58 h.

Sorte dispar para os conxuntos mariñáns na segunda xornada de Primeira Galicia, na que o CD Foz levou o derbi de rivalidade comarcal co Burela: 3-1

Os encontros disputados con clubs da Mariña en liza foron os seguintes:

Monterroso-Lourenzá: 0-1

No campo de Cerdeiriños, con arbitraxe de Alberto Lago, o Lourenzá de Roberto Ramallal logrou un importante triunfo a domicilio, co que o cadro laurentino segue invicto tras esta vitoria e o empate na primeira xornada

O encontro estivo igualado e a vitoria do Lourenzá veu cando o partido xa estaba a piques de concluír. No minuto 90 Jorge López logrou o 0-1 , resultado co que finalizaría o encontro. Neste partido foi expulsado no minuto 60 o xogador local Lorenzo Serrano, que xa recibira cartón amarelo no minuto 58.

Outeiro de Rei-Pontenova: 4-0

No Municipal de Outeiro de Rei, con arbitraxe de Ángel Ron, os locais impuxéronse por un contundente 4-0.

O Sporting Pontenova aguantou ben o primeiro tempo. Ambos os equipos fóronse ao descanso co 0-0 inicial Houbo que agardar ata o minuto 60, cando o xogador local Álvaro Rodríguez ao instante de entrar no terreo de xogo, abriu o marcador pondo o 1-0. Novamente Álvaro Rodríguez marcaría o 2-0 no minuto 65; Jonatan Iglesias faría o 3-0 no minuto 72, e outra vez Álvaro Rodríguez, no minuto 75, transformaría o 4-0- Protagonismo realizador do xogador local Álvaro Rodríguez, con tres dos catro goles do seu equipo.

Indicar que neste encontro viu o cartón vermello o xogador do Sporting Pontenova Adrián Fernández no minuto 28

Foz-Burela: 3-1

No Martínez Otero, con arbitraxe de Adrián Fernández, primeiro triunfo do Foz ante o Burela nun encontro de rivalidade comarcal. Difíciles púñanselle as cousas ao cadro local cando no minuto 5 Javier Rodríguez lograba pór ao Burela por diante. O marcador non se volveu a mover no primeiro tempo e así se chegou ao descanso, con todo por decidir na segunda parte

O empate local 1-1 non chegaría ata o minuto 73 por medio de Óscar Reigosa, «Canario». O Foz seguiu insistindo para darlle a volta ao marcador e así no minuto 80 o focense Aitor Moreda (que xogou a pasada tempada nAs Pontes) lograba o 2-1. Xa finalizando o encontro, no minuto 90, Adrián Álvarez lograría o 3-1 definitivo

Indicar que o adestrador do Burela Luis José Salgueiro «Luchi» viu o cartón vermello no minuto 85.

Xove Lago-Escairón: 2-2

No Municipal de Xove, con arbitraxe de Eduardo Feijoo, houbo repartición de puntos entre o cadro local e o Escairón. O Xove sempre foi a remolque no marcador. O 0-1, no minuto 19, foi obra de Miguel Teijeiro. O Xove non se amedrentou e intentou equilibrar o resultado, o que logrou no minuto 35 con gol de Pelayo Barreiro. Cando parecía que se ía chegar ao descanso co 1-1, unha desafortunada xogada fixo que o local Rubén Sánchez metese en propia meta, facendo o 1-2 no minuto 44.

Na segunda parte os locais intentaban unha e outra vez a igualada pero esta non chegaba, ata xa finalizando o encontro, no minuto 90, cando Diego Fernández fixo o definitivo 2-2

Riotorto-San Ciprián: 1-1

No campo da Veiga, con arbitraxe de Carlos Andrés Lamus, houbo repartición de puntos. Os locais puxéronse pronto por diante no marcador co 1-0 no minuto 15 obra de Javier Coedo, chegándose ao descanso con vantaxe mínima local Na segunda parte o equipo da Península da Paz loitou por nivelar o marcador e o empate chegou no minuto 51 cando Joao Gomes logrou o 1-1 que seria finalmente o resultado definitivo.

Importante punto do cadro do San Ciprián que serve para inaugurar a súa marcadora de puntos despois da derrota na primeira xornada. O adestrador do Riotorto Manuel García foi expulsado no minuto 82.

Ademais, na segunda xornada ligueira de Primeira Galicia disputáronse os seguintes encontros: CD Castro-Taboada, 2-1; Santaballés-SD Antas, 2-1 ; Chantada Atlético-VDE Pastoricense, 2-1, e SD Pol-SD Chantada, 3-1.

Tas dúas xornadas disputadas só dous equipos gañaron os seus dous partidos, o Chantada Atlético e o CD Castro, mentres que outros dous perdéronos, o Antas e o Sporting Pontenova