Foz xa ultima o seu gran entroido e confía en retomar o desfile, con máscara

RAMÓN GONZÁLEZ FOZ / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

Usarase máscara e barállanse medidas para evitar aglomeracións

24 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Foz prepara desde hai meses a festa talvez máis agardada do ano para os focenses, o Entroido. A expensas da evolución da pandemia, que segue golpeando con forza A Mariña, e tamén á espera dun protocolo específico de Entroidos comprometido pola Xunta, o goberno local aclara dúbidas sobre a celebración. Retomarase, de non haber contratempos, o desfile, previsto para o 26 de febreiro. Iso si, os participantes deberán levar máscaras e o executivo municipal baralla medidas para evitar aglomeracións de público.

«Estamos un pouquiño á expectativa da pandemia, pero o que estamos a facer é organizalo coas medidas actuais. Permanecemos á espera do procotolo específico da Xunta para estas celebracións, e basearnos daquela nel. Pero xa estamos organizado o Entroido tendo en conta as medidas vixentes actualmente para conter a pandemia», precisa a edila de Facenda, Emprego e Cultura, Inés López Couto.

Test no ágape de coroación

O aperitivo do desfile é a cea de coroación do rei do Entroido, Roberto Gómez Lende. O ágape, previsto para o 19 de febreiro, será esta vez diúrno. «Vai ser unha comida, polas restricións horarias», concreta a concelleira. O Concello abriu un prazo para inscribirse os pasados días 17 e 18 de xaneiro, e cubríronse as ao redor de 300 prazas dispoñibles na carpa de Sálgaa Baía. «Todos os asistentes terán que ter un certificado covid. Ademais, faranse test de antíxenos á entrada do recinto. Obviamente, quen dea positivo non poderá entrar», concreta.

López Couto engade que durante a comida «aplicaranse todas as medidas que agora mesmo hai vixentes, como mesas de como máximo oito persoas, distancia interpersoal e aforamentos». Aínda que a inscrición está pechada, as persoas que queiran anotarse en reserva poden facelo, á espera de que haxa algunha baixa para poder asistir.

En canto ao desfile, «en principio e á espera das medidas que aprobe a Xunta, será similar ao de sempre. Os grupos desfilarán con máscaras. Estamos revisando as medidas para ver se introducimos algunha novidade, pero non debera haber problema: haberá distancia entre o público e os participantes e tamén daqueles que desfilen entre eles. A verdade é que temos un pouco de incerteza, porque o Carnaval de Foz require de tempo de organización e traballamos co que temos», resalta.

A principal preocupación é que non se acumule público nas zonas nas que nas edicións anteriores á pandemia houbo máis aglomeracións. «Estamos barallando posibilidades para controlar esta cuestión, en áreas coma a da curva do bar Xoyma e outras. Buscaremos a maneira de que a xente non se acumule», indica López Couto.

No relativo ás actividades en interiores, «como as coplas, celebraranse con público en asentos. Tentaremos marcar aforamentos para que cumpran coas medidas covid. Na maioría dos casos, aqueles actos que se celebraban na Sala Bahía terán que ser na carpa, para ter máis espazo», concreta a edila.

O goberno local traballa para perfilar «un protocolo de medidas específico para cada un dos actos de Entroido, de xeito que a xente saiba que facer en cada momento e teñamos a maior das seguridades».

O Entroido de Foz en 2021 foi virtual, e o do 2020 celebrouse uns quince días antes de comezarse a notar as consecuencias da pandemia en España. «Confiamos en que se poida organizar neste 2022 e pensamos que é importante facelo. Os veciños, aínda que sexa con máscaras, queren quitar os traxes do armario e volver desfrutar», conclúe.