A transformación dun equipo de pobo no mellor club do mundo

A MariÑA

PEPA LOSADA

«A quen predixese isto hai uns anos chamaríano tolo», di Julio Delgado, o orgulloso adestrador do Peixes Rubén Burela

27 ene 2021 . Actualizado ás 19:15 h.

«A quen predixese isto hai uns anos chamaríano tolo». O segundo mellor adestrador feminino do mundo moldea ao club máis grande, instalado nunha vila de pouco máis de 9.000 habitantes, pero non esquece de onde veñen. Julio Delgado (Salamanca, 1968) é xa un home da casa que chegou á Mariña en 1998 para defender o Cefire Burela. Pouco despois se enrolou nas filas do Peixes Rubén, do que foi xogador, axudante técnico, míster do equipo masculino e desde o 2015 lidera ás Guerreiras Laranxas xunto a Iván Cao, Lucas.

«O único segredo é o traballo e a ilusión de moita xente que hai detrás deste proxecto», revela sen esquecerse da marea laranxa, minguada en tempos do covid, os patrocinadores e a directiva. «En Burela hai unha aposta moi grande polo fútbol sala feminino, vén de moito tempo atrás, e agora levamos dous anos e pico a un nivel altísimo. A mellor forma de pagar esta gran aposta polo deporte feminino é conseguindo títulos», explica un home que celebrou recentemente a Liga , a Copa da Reina e a Supercopa e conduciu ás burelistas a atrapar os seis últimos grandes torneos aos que aspiraban.

«Somos un equipo dun pobo pequeno e as nosas xogadoras teñen unha gran conexión coa xente. Iso xa o sentiamos cando cheguei ao Cefire e é bonito que se manteña», explica Julio Delgado, aínda incrédulo tras un recoñecemento que pon o fútbol sala aos pés do pequeno municipio de Burela. «O que conseguimos non se pode describir con palabras. Estes premios son un recoñecemento a todo o equipo, parece doado, pero para ver a altura á que chegamos só hai que ver que o premio de mellor club masculino levoullo o FC Barcelona», destaca o adestrador do mellor equipo feminino, galardoado como o segundo mellor técnico e coa balón de prata, Peque, nas súas filas.

Unha pioneira aposta polo profesionalismo no deporte feminino

Competindo en Primeira desde 2009 e cunha pioneira aposta polo profesionalismo, o Peixes Rubén céntrase agora en reconquistar a Liga : «Conseguimos algo impensable que sabemos que é case imposible de repetir. Pero como digo sempre quedamos co case».

Volver ser campioas do torneo doméstico daría ás mariñás a posibilidade de defender o seu status nunha Champions oficiosa, sempre que a pandemia o permita. «É unha alegría recibir un recoñecemento así, e máis co que estamos a pasar agora que temos tres xogadoras positivo en covid. Temos ganas de volver e isto é unha motivación máis», relata o preparador dun equipo que ademais ten lesionadas a Cilene, Jenny e Cely, ás que agora se suma Cris Pérez por unha fisura na rótula.

O equipo burelense disputou 24 partidos, non perdeu ningún e anotou 99 goles

Nun ano natural marcado pola inestabilidade, o Peixes Rubén presenta uns números case impecables. As Guerreiras Laranxas sobrepuxéronse ao longo confinamento para conquistar a Liga nun partido a todo ou nada e logo afrontaron unha pretemporada de dous meses antes de completar o seu triplete en 2020 coa Copa da Reina e a Supercopa [este último título aprazouse a xaneiro polo atraso na disputa do outro debido ao covid].

Así, as mariñás xogaron o ano pasado unicamente 24 partidos dos que gañaron 22 e non sufriron nin unha soa derrota. O cadro laranxa apenas se deixou un empate a dous goles na cancha do Roldán pouco antes de que estalase a pandemia e outro, xa na nova Liga , no feudo do Móstoles (3-3). Aquel partido estivo marcado pola polémica, xa que as mariñás xogaron con máscara porque o seu rival se negou a realizar os test que aínda non eran obrigatorios semanalmente.

En total, o Burela festexou 99 goles, cunha media de máis de 4 por partido, e só encaixou 36. A futbolista que máis achegou á conta foi a brasileira Cilene, con 15, seguida por Ale de Paz (12) e Cris Pérez e Bea Mateos (10). Entre as xogadoras que abandonaron o equipo este verán e as que se incorporaron, 19 mulleres defenderon a camiseta laranxa en 2020, á espera do debut de Cely.