Os Docobo, fillos de emigrantes da Devesa dispersos por Galicia e América

La Voz

A MariÑA

A.M.F.

Reputados profesionais forman parte da saga ribadense

26 dic 2020 . Actualizado ás 22:04 h.

O dono dunha construtora de Florida e o dun comercio tradicional da zona vella de Santiago. Un cirurxián do hospital Virxe do Rocío de Sevilla e un shériff de Tampa (Estados Unidos). Unha farmacéutica da Coruña e un locutor de radio. Todas estas persoas, entre outras, teñen en común un mesmo orixe e un idéntico apelido. Son algúns membros da saga dos Docobo, de Ribadeo, que a emigración dispersou polo mundo. Ramas abertas a novos ceos daquela vella árbore que plantaron en Cuba, nos albores do pasado século, dous emigrantes da Devesa, Anxo Docobo Fernández e María Fernández Rodríguez.

A súa historia comeza a fins do século XIX cando Anxo ?un dos sete fillos de Ramón Docobo e María Fernández- cumpriu 12 anos nesa parroquia ribadense. Os seus pais enviárono a Cuba onde o agardaba o seu irmán José que traballaba cun tío que fabricaba carbón vexetal en montes e humidais e vendíao, porta a porta, na Habana. Ao cabo dun tempo, o tío regresou a Galicia e deixou aos seus dous sobriños un negocio que, tras un acordo co seu irmán, acabou nas mans de Anxo.

O novo propietario casou con María, unha das oito fillas de Benita Rodríguez e Manuel Fernández, un ebanista, emigrante en Cuba, que construía caixas de puros nunha fábrica de tabacos. Anxo e María traballaron duro, de xeito conxunto. Pero o beneficio do seu arduo labor permitiulles retirarse aínda novos e regresar á súa localidade natal da Devesa en 1923. Con eles traían a seis vástagos que procrearan en Cuba: Anxo, casado posteriormente con Carmiña Calvo; María, con Ramón Rodríguez; Alicia, con Rafael Pulpeiro; Concepción, con Ricardo Fernández; Ramón, con Ramona Alonso; e Manuel, con Purificación Durántez. Xa asentados na Devesa aínda tiveron outro fillo, José, que faleceu aos 23 anos.

Un coche para ir ao colexio

De Cuba traían algunhas leccións aprendidas. Sobre todo, que a educación era o único valor seguro e que investir nela servía de promoción social e daba o mellor beneficio. Así que, cando os seus fillos aínda eran nenos, compraron un coche que os levaba a diario, xunto a outros nenos da parroquia, a clases en colexios e academias de Ribadeo. E cando foron adolescentes, para que puidesen ir á Universidade, trasladaron a toda a familia a unha casa da rúa do Matadoiro, en Santiago de Compostela, na que tiñan como veciño a Ramón María Aller Ulloa, cura e astrónomo de Lalín e un dos grandes científicos contemporáneos.

O plan saíulles ben. En 1939, ao acabar a guerra, Anxo, o fillo maior, licenciouse en Ciencias Exactas en Santiago e Madrid. Alicia e Concepción estudaron Farmacia. Ramón fíxose médico. José faleceu no último curso de Químicas. E Manuel recibiu clases na Escola de Comercio e púxose a traballar moi novo.

Dun comercio de referencia en Santiago á dirección do Observatorio Astronómico de Galicia

Catro dos fillos de Anxo e María instaláronse na Coruña, Ribadeo e Santiago de Compostela. Nesta última cidade, Manuel Docobo Fernández (A Habana 1922) abriu en 1951, no número 74 da Rúa do Villar, un famoso comercio de obxecto de agasallos e papelería que chegou ao século XXI da man do seu fillo Ricardo. Antes, rexentou na Coruña un bazar e alí casou en 1949 con Purificación Durántez.

O comercio da Rúa do Villar foi todo un referente e un lugar imprescindible da capital de Galicia. Tiña de todo e o máis moderno e novo. Fornecía a oficinas, empresas e centros de estudos, vendía e arranxaba plumas estilográficas, atendía pedidos de calquera lugar. Manuel e Purificación tiveron tres fillos: o maior, Fernando, estudou Medicina en Santiago e instalouse en Sevilla como médico. Foi director da Unidade Clínica de Xestión de Cirurxía Maior do Hospital Virxe do Rocío.

O segundo, José Anxo, estudou Matemáticas en Santiago e se doctoró en Astronomía en Zaragoza onde foi profesor da Facultade de Ciencias e preparou a oposición que lle posibilitou trasladarse a Santiago para impartir clases na USC e ser director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller Ulloa. José Anxo Docobo foi directivo longos anos do CAB Obradoiro e a persoa que evitou a súa desaparición e levou ao club ao éxito que hoxe ten na elite nacional.

O terceiro dos fillos, Ricardo (Santiago 1959) segue á fronte do negocio familiar, foi vicepresidente da asociación comercial Compostela Monumental e encargado de Deportes en Radio Galicia-Cadena Ser, xefe de prensa do Compostela C.F. e secretario da Asociación Galega de Prensa Deportiva.

Un construtor, dous soados médicos e tamén un shériff de Tampa

Ao mariñeiro de Alberti a marusía tiráballe do corazón. E a dous dos fillos de Anxo Docobo e María Fernández sucedeulles o mesmo con América. Tiráballes do corazón. Anxo, o maior -que foi campión de España de 4x400 metros nos anos 40 e xogou ao fútbol no Ribadeo F.C. en 1935- decidiu volver a Cuba. Traballou na Banca e, cando mellor lle ía, chegou Fidel e todo cambiou. Regresou a Galicia e abriu dúas academias, primeiro en Lugo e logo en Salamanca.

O outro que marchou a América foi Ramón, o médico, tras casar con Ramona Alonso Flores, filla dun emigrante da Devesa e nada en Cienfuegos (Cuba). Coñecéronse en Ribadeo, casaron en 1953 e emigraron en 1960 a Tampa (Estados Unidos). Tiveron catro fillos: Anxo J. Docobo, casado con Celia; José María, casado con Vivian; Alberto N. casado con Lynn; e Ramón Hebert, nacido en 1963 e casado con Marisella. Ramón faleceu en Tampa en 1995 e Ramona en 2017. Dos seus catro descendentes, o de maior notoriedade foi José María Docobo Alonso. Traballou durante 24 anos na Oficina do Shériff do Condado de Hillsborough e el mesmo foi elixido shériff ?o encargado de aplicar a lei- entre 2004 e 2018 co grao de coronel. Asistiu a cursos de capacitación internacionais para a loita contra o terrorismo e foi membro do Grupo de Seguridade Nacional do Estado de Florida. É autor de libros sobre a súa especialidade e un centro de educación leva o seu nome.

Dos outros tres vástagos, Anxo J. Docobo Alonso é un prestixioso médico da cidade tampeña, licenciado pola University of South Florida College of Medicine. O seu irmán Ramón tamén é médico hospitalista en Envision Physician Services, especialista en Microbioloxía e Bioloxía Molecular. E Alberto é dueñoñ e director dunha construtora de teitos, American Roofing & Sheet Metal, certificada polo instituto de calidade GAF Master Elite, o que a sitúa entre a elite dos contratistas de teitos dos Estados Unidos.