Alcoa quere pechar a negociación de forma telemática tras sufrir un escrache esta mañá en Lugo

m. s. curral VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

Alberto López

A delegación do Goberno e a Xunta están a mediar para pechar a negociación, revisar e asinar as actas, aínda que hai pleno desacordo

06 ago 2020 . Actualizado ás 16:02 h.

Representantes de Alcoa enviaron pasadas as 14 horas un fax aos sindicatos para que lles fagan chegar a valoración das actas vía fax, escáner ou por videoconferencia. Alcoa cancelou a comida nos Robles e pretende continuar a negociación a través desta vía tras sufrir un escrache esta mañá á primeira hora antes de entrar á reunión. Delegación do Goberno e Xunta están a mediar. 

Esta mañá ás 10, Alcoa e o comité de empresa tiñan previsto retomar a negociación en Lugo, no restaurante Os Robles . Pero o encontro nunca chegou a producirse: os representantes de Alcoa deron volta ao chegar ao restaurante tras ser increpados por un grupo de traballadores que se achaban no exterior. Non fixeran máis que chegar en microbús. De momento non regresaran. O comité segue aínda agardando no restaurante a que o microbús no que viaxaban regrese ao lugar no que se concertou a cita, na que estaba previsto revisar as actas da negociación, aínda aberta, aínda que con evidentes desacordos. 

Trabajadores de la empresa se concentraron en el lugar en el que debería celebrarse la reunión entre empresa y comité
Traballadores da empresa concentráronse no lugar no que debería celebrarse a reunión entre empresa e comité Alberto López

Alcoa non asistiu onte pola tarde á reunión de urxencia convocada polo Goberno ás 20.30 coa Xunta e Liberty House, e tamén cos asesores dos sindicatos vía telemática. A multinacional norteamericana argumentaba que aínda está en negociación en Lugo co comité de SanCibrao . Por iso, estaba previsto continuar esta mañá esa reunión para revisar as actas da tensa negociación destes dous últimos días e, se seica, asinalas. Alcoa quere pechar as cubas e ofrece ERE ou ERTE durante dous anos; o comité rexéitao.

El microbús en el que se desplazaban los representantes de la empresa dio vuelta ante el escrache de los trabajadores
O microbús no que se desprazaban os representantes da empresa deu volta ante o escrache dos traballadores Eliseo Trigo

O comité de Alcoa fixo un chamamento ás autoridades, Xunta e Goberno, para que non lles deixasen sos. A noite do martes fora longa e sen acordo. Alcoa mantívose no peche de cubas e ofreceu un ERE ou un ERTE por dous anos. O comité sinalaba na mañá do mércores que se sentían «sos, como secuestrados, aquí despois de 27 horas negociando e sen durmir. Nós sos contra o bufete de avogados de Garrigues Walker. Onde están as autoridades? Alcoa abandona a negociación pisando os nosos dereitos e ninguén fai nada», afirmaba Zan. Ás 13 horas do mércores volvían reunirse para analizar as actas, máis de 35 folios. Nada cambiara.

Durante a reunión celebrada o martes, os membros do comité de empresa saíron sobre as 3 da mañá para pedir aos empregados que estaban fóra que se fosen descansar, «que había que coller forzas para» a xornada do mércores. A negociación seguía, pero insistiron en que estaba difícil o acordo porque as posturas eran moi diferentes. Algúns traballadores abandonaban Os Robles de madrugada para incorporarse á súa quenda de traballo na factoría á quenda das seis da mañá. A actividade na fábrica seguiu con normalidade, cos traballadores están pendentes dun pronunciamiento do comité, que se reuniu novamente coa empresa aínda que aseguran que non hai avances porque «están empeñados nas cubas e non no proceso de vendas».

«Seguen veña e dálle coas cubas e o emprego; por aí non pasamos, non cedemos, non nos imos a mover, seguimos contraofertando», dicía Zan, presidente do comité. E engadía: «É moi importante que sigades aquí, apoiando, facendo presión, están a sentila desde dentro. Nin un paso atrás, apoiarnos, imos pelexar ata o final, ata o último minuto», pedíalles J. A. Zan, visiblemente canso do mesmo xeito que os demais membros do comité, durante un dos recesos.

J. A. Zan fixo tamén unha chamada ao Goberno para que «lidere xa este proceso e páreo todo, que non permita que se desfaga unha industria estratéxica como a nosa. O Goberno ten que paralizar todo este proceso antes de que sexa tarde. A estes señores regalóuselles a fábrica hai anos, eficiente e en pleno funcionamento, e agora nou se pode consentir a uns cuatreros que vaian despezala; só pretenden iso, desfacer a nosa industria. Este proceso é fraudulento, acáballo de dicir por quinta vez a Xunta como autoridade laboral».

«Que saibades que de aquí non nos imos a mover ata que se solucione isto dalgún xeito», manifestou Zan a decenas de traballadores que apoiaban ao comité desde o exterior.

Liberty House ten interese nas dúas plantas; a de aluminio «debería estar a funcionar» 

O máximo representante de Liberty House, S. Gupta, enviou a pasada fin de semana unha nova carta ao CEO de Alcoa en EE.UU., Roy Harvey. Nesta carta insiste no interese do grupo británico por adquirir o complexo industrial de San Cibrao, polas dúas plantas.

Xa se sabe que Alcoa non ten intención de vender a refinería de alúmina. De ser así, en Liberty House está dispostos a optar pola planta de aluminio, «en funcionamento», dadas as dificultades en reactivar unha fábrica parada, máis tendo en conta as dificultades do mercado na actualidade, explícase na carta.

De momento Alcoa non respondeu a esta segunda carta a propósito das cubas; de feito, onte Alcoa insistía na parada ordenada das cubas. Liberty House entraría da man do seu socio enerxético, Simec Energy, para facer operativa a planta de aluminio con renovables e enerxía limpa (hidróxeno verde). Querería pechar a venda nun mes e mantería o emprego.