0003_202003X10C9994
0003_202003X10C9994

Domingo Álvarez gaña o bronce nacional na carreira de 800 de maiores de 65

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

CEDIDA

09 mares 2020 . Actualizado ás 20:49 h.

Domingo Álvarez Iglesias está en plena forma. Volveu demostralo no Campionato de España Máster de atletismo que se disputou a pasada fin de semana na cidade malagueña de Antequera. O corredor do Egovarros-Viveiro colgouse a medalla de bronce en 800 metros nunha carreira para maiores de 65 na que era o «avó». Tras arrasar no Galego, con case 69 anos, a uns meses de acadar a categoría M70, despediu a súa última campaña como M65 en pista cuberta con tres boas actuacións en todo un Nacional.

Aínda que a súa mellor competición foron os 800 metros. O atleta mariñán completounos en 2:44.24. Estivo preto dos seus dous acompañantes no podio, dous e tres anos máis novos que el, respectivamente. Gañou Daniel González Soto, do Super Amara BAT, con 2:38.90; e foi segundo Cristóbal Godoy, do UD Almería, cunha marca de 2:41.70.

O representante do Egovarros, ademais, gañou a final B dos 400 metros cun tempo de 1:11.17, que lle serviu para ser quinto da xeral. Na proba reina do mediofondo, os 1.500 metros, quedou a sete segundos e un só posto doutro podio. Foi cuarto en 5:40.79.

Iglesias realizou fai poucas semanas outra actuación estelar no Campionato Galego. Colgouse o ouro nas probas de 800 e 400, e a prata nos 200.