A bordo dos pesqueiros a xornada laboral pode chegar ás doce horas

s. s. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

A norma que obriga a fichar considera descanso o resto do tempo embarcado

01 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Durante as XXIV Xornadas de Pesca de Celeiro explicáronse aspectos tan controvertidos e de actualidade como a obrigación de fichar nos pesqueiros. Dela falou o sindicalista Juan Manuel Trujillo, responsable do sector en CC.OO. e na federación europea de sindicatos do transporte. Deixando claro que é consecuencia da aplicación dunha sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo e que a pesca «necesita unha ordenación do traballo máis flexible», desvelou detalles como que a xornada laboral a bordo, tanto en porto como no mar, non poderá superar as doce horas diarias, incluídas as extraordinarias. Tamén disipou dúbidas sobre a consideración legal do tempo a bordo: «Considerarase tempo descanso no mar aquel en que o traballador estea libre de todo servizo».

Xa que logo, aínda que as tripulacións non teñen máis opción que permanecer nos pesqueiros, oficialmente están a descansar mentres quen manda no barco non lles encomende algunha tarefa. Ao límite de doce horas diarias hai excepcións: se corre risco a embarcación, os seus tripulantes ou a carga; se hai que socorrer a outros barcos ou a náufragos; ou por «apremiante necesidade» de aprovisionarse ou de manobrar. O exceso de horas «sobre a xornada pactada» deberá compensarse ou pagarse.

Ademais, entre o final dunha xornada laboral e o inicio doutra os mariñeiros teñen «dereito a un descanso mínimo de seis horas». Nos pesqueiros «o descanso semanal obrigatorio será de día e medio», pero se ao finalizar as mareas non o gozaron «acumularanse» para collelos cando amarre a embarcación. Outra opción é «a compensación en metálico, como horas extraordinarias».

«Avidez» dos clientes por saber a procedencia do peixe que elixen

Porto de Celeiro e Carrefour foron pioneiros no mundo no uso de blockchain en produtos do mar frescos. Cun móbil, a etiqueta de cada pescada do petisco de Celeiro que vende Carrefour di que barco pescouna, cando se desembarcou e cando chegou a tenda. Segundo dixo Anxo Adrados, de Carrefour, «os clientes teñen avidez de saber de onde vén».

A «misión case imposible» de cumprir o veto total aos descartes

O veto total aos descartes trae de cabeza aos pescadores, que se queixan e coinciden ao definir como «misión case imposible» cumprir ese mandato da UE. Do que tamén se coñece como obrigación de desembarque falou no simposio de Celeiro Marina Santurtún, coordinadora da área de xestión pesqueira do centro de investigación AZTI. Como acatar esa norma comunitaria resulta ineludible, no sector buscan fórmulas para mellorar a selectividade e, no posible, reducir capturas indesexables que restan cotas das que interesan aos pesqueiros. Marina Santurtún debullou os problemas das pesqueiras multiespecíficas no caladoiro nacional e expuxo a flótaa opcións para mitigar as consecuencias.

«Por que o arrastre español non pode capturar bonito como Irlanda ou Francia?»

Menos de dous meses pasaron desde que os pescadores mariñáns e do resto do Cantábrico vían a arrastreiros pelágicos franceses e irlandeses capturando o bonito que abundaba fronte á costa da Mariña, pero nin profesionais nin recreativos podían collelo desde finais de agosto porque España esgotara a súa cota. No foro de Celeiro tamén se falou do atún branco, cuxas cotas non se ampliaron para o 2020 na última reunión do organismo internacional que xestiona a pesqueira.

«Non comprendemos por que a Administración non fai unha lei de exención para pescar bonito por fóra das doce millas, igual que irlandeses e franceses», preguntoulle José Pino , capitán dun arrastreiro de litoral con base en Celeiro, a Ignacio Gandarías, director xeral de Ordenación Pesqueira. Pino proseguiu: «Non podemos porque España prohibe a pesca pelágica do bonito». E gañouse os aplausos dos asistentes ao congreso cando apostilou: «Temos un magnífico caladoiro, moito mellor do que pinta Bruxelas, pero soportamos situacións completamente afastadas da realidade».