Outro intento de innovar na pesqueira do palangre une a Celeiro e Burela

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

As organizacións de produtores de ambos os portos cooperan con outras tres e unha empresa de tecnoloxía

17 jul 2019 . Actualizado ás 20:50 h.

Cinco organizacións de produtores pesqueiros e a empresa de tecnoloxía Marine Instruments aliáronse noutro intento de innovar na pesqueira do palangre, sistema de anzois co que se captura unha especie fundamental na Mariña como a pescada de Gran Sol, así como o peixe espada ou o marraxo, claves para embarcacións mariñás que comercializan esas especies noutros portos.

A Organización de Produtores Pesqueiros Porto de Celeiro, con sede nese porto de Viveiro, e a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, asentada no porto de Burela, únense nunha iniciativa de Marine Instruments na que tamén participan a Organización de Produtores de Pesca do Porto de Marín, a Organización de Produtores Palangreiros Guardeses e a Organización de Produtores de Buques Conxeladores de Merlúcidos, Cefalópodos e Especies Varias.

Xuntos cooperarán na organización de actividades formativas, na divulgación de avances tecnolóxicos, no desenvolvemento de proxectos piloto ou no intercambio de información. Todo co obxectivo común de promover unha xestión sostible das pesqueiras do palangre, tanto de fondo como de superficie.