Os 1,63 millóns de euros do premio da primitiva fóronse para Rinlo

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

JOSÉ ALONSO

Todo apunta a que o responsable dun establecemento hostaleiro é o agraciado

22 ene 2019 . Actualizado ás 07:41 h.

Todo apunta a un veciño de Rinlo, que tamén ten residencia nunha céntrica rúa de Ribadeo, como o agraciado co premio de 1,63 millóns de euros da lotería primitiva no sorteo do pasado xoves.

Desde que se soubo do boleto premiado, os rumores e especulacións disparáronse, saíndo á palestra nomees xa habituais nestes casos, como o dalgún coñecido empresario da localidade. Pero a fin de semana comezou a soar con insistencia a posibilidade de que o premiado fose un veciño de Rinlo que é responsable dun establecemento hostaleiro.

O mesmo domingo, era algo que xa se comentaba polos bares de Rinlo e que comezaba a estar en boca da veciñanza e, segundo as fontes consultadas, en efecto trataríase da persoa premiada.

En todo caso, o habitual é que os agraciados non o recoñezan publicamente, máis aló do seu máis estreito ámbito familiar e de amizades.

Neste caso, ao ter que cobrar máis de 2.000 euros, o abono debe facerse directamente mediante transferencia bancaria, preservando a intimidade do gañador. Os 1.635.569 euros do premio, unha vez aplicada a fiscalidade, quedarán rebaixados a algo máis de 1.308.000 euros. Facenda ingresará sobre 327.000 euros.

O boleto premiado, de oito apostas, foi cuberto con selado automático, aleatorio, na cafetería Garden de Ribadeo. Foi o único coa combinación de seis acertos, correspondente aos números 8, 19, 24 26, 30 e 47. O complementario foi o 7 e o reintegro o 4.

É un novo millonario que a lotería fai en Ribadeo. O último anterior, gañador de 1,8 millóns de euros, foi en maio de 2017 e correspondeu a un premio da bonoloto, o único de primeira categoría con seis acertos. Neste caso a identidade do agraciado segue sendo un misterio, aínda que popularmente se dá por feito que foi un empresario de Riotorto, extremo que este segue negando.

En todo caso, o máis habitual é que o modo de vida que se adoita adoptar tras ingresar un premio desta contía delate co paso do tempo aos verdadeiros gañadores. Estes 1,63 millóns de euros si se quedaron en Ribadeo.

Desde a cafetería Garden de Ribadeo confirmaron onte que de momento ninguén se identificou como o gañador. Creen improbable que o fagan. Para eles ?declararon xa días atrás?, a satisfacción sería que agraciado fose un cliente do local.