Declarada secreta a investigación polo apuñalamento de Ribadeo

La Voz RIBADEO / A VOZALFOZ / LA VOZ

A MariÑA

Bar Zielo, en el centro de Ribadeo, donde fue apuñalado un camarero
Bar Zielo, no centro de Ribadeo, onde foi apuñalado un camareiro CEDIDA

Confírmase que se produciu un roubo, e ademais presentouse denuncia por agresión

13 dic 2018 . Actualizado ás 14:05 h.

O establecemento da rúa San Roque de Ribadeo onde o luns pola mañá un camareiro foi asaltado, golpeado na cabeza e apuñalado nunha coxa, xa abriu onte pola tarde durante unhas horas. A vítima, A.A.L.M., de 30 anos de idade, tras ser sometido a observación no hospital de Burela polo golpe na cabeza, prestou declaración ese mesmo día pola tarde no cuartel da Garda Civil de Ribadeo, onde se presentaron varias denuncias relativas ao caso, polo roubo sufrido e pola agresión, que foron agrupadas nun suposto delito de índole penal.

Sen información

Ao parecer, o caso presenta moitas arestas e proba diso é que a investigación foi declarada secreta, coa indicación expresa de que non transcenda información algunha, para evitar que poida entorpecer as pescudas para tratar de dar co autor da agresión e esclarecer o ocorrido. As indagacións enfócanse en varias frontes abertas.

Con todo, si se confirmou que durante o incidente se produciu un roubo de diñeiro en metálico; de aí a denuncia xa presentada no cuartel.

Ademais, pese ao segredo transcenden algúns datos, como que o luns, por mor da descrición que A.A.L.M. deu sobre o agresor, cando indicou que levaba unha cazadora vaqueira, a Policía local de Ribadeo foi alertada e acudiu ao parque municipal a identificar a unha persoa. Finalmente, todo quedou en nada.

O suceso ocorrido provocou a lóxica preocupación en Ribadeo, onde aínda que periodicamente se dan casos de roubos en bares e outros negocios, os casos con violencia son absolutamente inhabituais.

É de supor que o bar abrirá en breve, podería ser hoxe mesmo, entre outras cousas porque é tamén un despacho de lotería e durante o incidente non se rexistraron danos no seu interior.