O campionato do mundo, un agasallo para Viveiro a finais de setembro

La Voz

A MariÑA

PEPA LOSADA

A alcaldesa, María Loureiro, afirma que se achegou nada para traer este campionato de biathle e triatle

24 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

 

O Campionato do Mundo de Biathle e Triathle é un agasallo para Viveiro, por non dicir case «un choio», na recta final de setembro cando xa o número de visitantes tería descendido notablemente ou case desaparecido.

Están os hoteis ao completo durante estes catro ou cinco días de competición, todas as prazas hostaleiras cubertas, mesmo se alugaron pisos para albergar a parte desta xente e tamén se desviaron clientes a hoteis de localidades limítrofes, segundo explicaba a alcaldesa, María Loureiro.

Son, como se sabe, case 500 atletas de 19 países os que compiten nas diferentes probas, pero en total chegaron entre 1.500-2.000 persoas a Viveiro incluíndo as delegacións dos diferentes países e as familias de moitos atletas, especialmente dos máis novos. Todos pasando a noite na cidade e comendo en hoteis e restaurantes, como se pode ver nestas xornadas.

A cambio, «custo cero» para o Concello de Viveiro; a rexedora local, María Loureiro, asegura que o concello non puxo un euro para traer este campionato. «É así, custéano as respectivas Federacións e creo que os atletas teñen que pagar unha taxa para participar, pequena; creo que é así. Nós temos que achegar a infraestrutura necesaria (iso si suporá algún gasto), as instalacións (porto deportivo) e persoal axudando e velando porque todo discorra sen problema, como así está a ser. Foi unha oportunidade e aproveitámola»

Efectivamente, tal como explicou días atrás o responsable de Deportes, Emilio Villarmea, e como lembraba onte María Loureiro, inicialmente barallouse Celeiro como lugar para a competición, pero interromper a zona pesqueira, comercial e empresarial durante catro días ía supor un problema antes ou despois, así que finalmente se optou polas instalacións do porto deportivo.

Consultouse con Portos e con outras autoridades marítimas e habilitouse a área do porto deportivo, coa vantaxe de que non supón incomodidade algún para os viveirenses e tampouco incide no tráfico. Ao contrario, deportistas, equipos e delegacións animan a cidade nesta recta final de setembro.

Verán especial

Foi un verán especial na cidade de o Landro que empezou con cheo absoluto xa nos primeiros días de xullo con o Resurrection Fest; o tempo axudou en boa parte de xullo e agosto, e setembro empezou con máis turismo do habitual e acaba con este campionato do mundo e os hoteis cheos e xente de dezanove países coñecendo Viveiro, a costa, a nosa cultura e costumes.

.