A comarca da Mariña gozará de tempo primaveral ata o sábado

M.C. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

16 abr 2014 . Actualizado á 07:00 h.

A medida que se achegan os días grandes da Semana Santa é posible afinar máis a predición meteorolóxica. A primavera é unha época complicada para predicir o tempo a 4 ou 5 días vista, quizais máis aló das 24 horas, explicou onte o meteorólogo Santiago Pemán, quen case no ecuador da Semana Santa xa confirma que A Mariña gozará dun tempo primaveral polo menos ata o sábado.

Aínda que no interior, en zonas de alta montaña, poden darse episodios de tormenta hoxe e posiblemente o xoves, no litoral costeiro o tempo será bastante asollado, con mellores temperaturas durante as tardes que polas mañás.

O sábado pola tarde está prevista unha baixada xeneralizada das temperaturas, sendo difícil que o termómetro suba dos 17 graos, segundo avanza Pemán.