
O grupo americano deu un concerto sublime no festival Paredes de Coura revalidándose como unha das grandes institucións do pop contemporáneo
17 ago 2025 . Actualizado á 12:30 h.Xa non está naquel foco que, na primeira década do século XXI, o encumbró como a última gran marabilla do pop mundial co seu plus de modernidade. Os ventos das tendencias sopran noutra dirección, que pouco ten que ver con aquel afro-pop proclive á filigrana barroca que namorou a tantos. Poderíase caer na tentación de dicir que Vampire Weekend é un clásico cuxo momento quedou atrás. A escoita de dous discos como Father of the Bride (2019) e Only God Was Above Us (2024) —exemplos perfectos de como expandir un discurso sen perder a esencia— debería encargarse de tombar esa impresión. Pero, se quedaba algunha dúbida, o grandioso directo da banda encárgase non só de despexala, senón de deixar á audiencia pampa, consciente de que algo así só está á altura dos xigantes.
O seu pase, o pasado mércores no festival Paredes de Coura —como sempre, cheo de melómanos galegos namorados do evento que se celebra a poucos quilómetros da fronteira—, resultou sinxelamente sublime. Unha exhibición de intelixencia e talento que fixo brillar, aínda máis, un repertorio que reúne parte do mellor pop das dúas últimas décadas. Arrincando en formato basee, con Ezra Koenig, Chris Baio e Chris Tomson tocando diante dun pano coas letras do grupo Mansard Roof e Holiday, xa se gañaron á audiencia. Pero, de súpeto, o pano caeu e despregouse unha fantasía musical ilimitada cunha banda que fixo pura maxia. Dirixidos por un Ezra que parecía o Brian Wilson desta era, eses instrumentistas acariñaron o pop como o facían os Beach Boys en Pet Sounds ou Paul Simon en Graceland: ao grande, con mestría, delicadeza, exuberancia musical e todo no seu sitio. Cunha execución perfecta e un son brillante, que permitía escoitar cada matiz de xeito case irreal.
Temas como Connect, Unbelievers, Step, This Life e moitos outros desfilaron como diamantes, facendo que os miles de corazóns presentes palpitasen ao mesmo ritmo, namorándose perdidamente do que estaban a escoitar. Unha oda de puro amor á música, a beleza sostida nun retrouso e esas cancións que, ao escoitalas así, sentes que son máis grandes que a vida. Tanto que, ao rematar, cos músicos deixando o escenario un a un tras interpretar Hope, o sorriso bobo nos rostros unificaba o sentir común. O dun público que non se cría o que acababa de ver.