Oasis bate a marca de cervexas consumidas en Wembley: unha media de tres pintas por espectador
AO SOL

A empresa que leva as barras o estadio calcula que se venderon 250.000 pintas por día
03 ago 2025 . Actualizado á 16:48 h.A xira de retorno de Oasis non deixa de dar noticias estratosféricas. A última chega co cómputo de cervexas vendidas en cada un dos seus shows de Wembley. Despois dos tres primeiros pases, a media indica que se consomen ao redor de 250.000 pintas por día. Esta cifra é dúas veces maior á rexistrada nos concertos de Coldplay (120.000) e seis que Taylor Swift na súa Eras Tour (40.000), ambos en 2024 no mesmo recinto
Cada pinta de cervexa dentro do estadio costa 8,20 libras. E cada noite asisten 80.000 persoas. Por tanto, a media por espectador é de tres pintas por concerto. Os datos foron ofrecidos por Delaware North, a empresa que xestiona as barras do estadio de Wembley e que está impresionada coa resposta do público. Indica que en cada concerto se moven máis de 4.500 barrís dentro e fóra do estadio. O volume foi tal que a empresa viu como o seu almacén quedaba pequeno, tendo que recorrer a armarios e áreas baixo as escaleiras mecánicas.
Descoñécense aínda os datos do merchadising da xira. Nese sentido Adidas abriu unha tenda na mítica Carnaby Street de Londres que estivo abarrotada todos os días de concertos con fans ávidos de adquirir os típicos gorros bucket que loce Liam Gallagher nos directos, así como camisetas e cazadoras cos logotipos do grupo e deste circuíto. Seguramente, ao rematar a xira quede establecido unha nova marca sen precedentes na industria da música.