Eles non se perden nin un verán

álex g. chouciño / m. v.

Ao SOL

Non son famosos nin falta que fai, pero coas súas profesións hanse gañado a moitos galegos

26 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Son case irreemplazables. A praza do Obradoiro non sería o mesmo sen Suso Pais, propietario do Café Literarios; nin a praza Maior de Ourense sen Antonio Blanco , que atende aos seus clientes do Café do Centro; tampouco se pode falar de festa na Costa da Morte sen nomear a Manel Muñoz e o seu disco móbil CDC, ou tomarse un xeado na Coruña sen que Purificación Gómez, da xeadería Ibi, suxeite o barquillo. Por non dicir que o Náutico de San Vicente non tería ese espírito sen o enxeño de Miguel de la Cierva, que ninguén coloca as tumbonas da praia de Silgar como Alejandro Pombo ou que para comer un bo polbo en Ourense teno que servir María del Carmen González.

Xa quixese algunha que outra celebridade contar coa fidelidade que teñen estas persoas. As súas profesións, todas de cara ao público, convertéronos nos auténticos personaxes do verán. Algúns xa superan mesmo o cuarto de século compracendo a turistas e veciños. Un traballo no que, ademais de beneficio, atopan o recoñecemento dos seus clientes. Como o lograron? Segundo Alejandro Pombo, trátase de non quedar só en traballar, senón de dar algo de ti: «Vas establecendo conversacións. Cóntanche a súa vida, eu cóntolles a miña. Ao final fasche coñecido».

Unha cordialidade que mesmo chega a crear lazos máis profundos que os dun mero consumidor. «A clientela é moi leal. Tanto, que fai un ano cambiamos a ubicación e a xente chamábanos a casa para preguntarnos onde estábamos», afirma Purificación Gómez. Esta preocupación tamén provoca que moitos turistas avisen do seu retorno: «Hai moita xente que te avisa dun ano para outro, xente que fai o Camiño de Santiago por sétima vez ao mellor», di Suso Pais.

Non se perden nin un verán, pero nos seus casos é para dar o mellor de si mesmos. «Cando a xente se vai contenta iso sempre é moi reconfortante», desvela Antonio Blanco . Un sentimento que tamén o vive nas romarías Manel: «Hai días que non estás ben e outros que che atopas mellor. Pero cando fas unha festa e ves que a xente responde , motívache». Todos eles recoñecen que os seus traballos lles propiciaron novas relacións cos seus clientes. «Hai moita xente e moitos artistas, créase como unha familia», sinala Miguel de la Cierva. E o certo é que sen eles o verán non sería o mesmo.