Enganchados ao documental

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

TELEVISIÓN

27 may 2017 . Actualizado ás 10:30 h.

Algúns creen que calquera espectador que se sente a ver un documental sobre o caso Asunta é xa de seu un morboso. Do mesmo xeito que sería un morboso se lese calquera detalle sobre o caso. A eses é difícil convencelos pola contra, así que non vou nin sequera a intentalo. O que si me parece é que a produción que fixo Bambú sobre este suceso conseguiu enganchar á audiencia co rigor que achega o testemuño humano. Sobre todo dos gardas civís que de primeira man atenderon nesas horas iniciais ao matrimonio Basterra-Porto. O relato dos feitos en primeira persoa, as reaccións da parella, a forma en que se comportaron en todo momento -cando lles dan a noticia, cando os deteñen, cando os encerran, cando falan entre eles- engade un valor ao documental que, en lugar de sementar dúbidas ao espectador, axúdanlle a compor algunhas pezas do quebracabezas desta historia. Resulta máis complicado pensar que alguén co material que nos facilita o equipo de Ramón Campos poña en cuestión a sentenza, e é verdade que quizais o propio título, O que a verdade esconde , xera máis confusión da necesaria. Pero que Porto e Basterra sexan culpables non lle resta interese a este gran traballo para axudar a aproximarnos á única resposta que agardamos de ambos: por que?