«Velvet» ou «As mozas do cable»

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

TELEVISIÓN

06 may 2017 . Actualizado ás 10:28 h.

A sensación que queda despois da estrea da esperadísima As mozas do cable é que xa a vimos. Vimos ese decorado, vimos ese mesmo despacho, vimos esa relación entre o grupo de amigas, coñecemos a fondo a rivalidade entre os cuñados e sobre todo vimos xa ese amor imposible entre os protagonistas. A sombra de Velvet é tan alongada que pouca sorpresa atopamos os espectadores na nova produción para Netflix, ata o punto de que dalgunha forma calquera xiro de guion lémbranos á ficción que encumbró a Paula Echevarria e Miguel Ángel Silvestre.

É verdade que moitos actores son novos, pero tamén é verdade que hai outros moitos que repiten, nun contexto no que todo lembra dalgunha ou outro xeito ás dúas series estrela de Bambú: Velvet e Gran Hotel. Esa retroalimentación que tamén é propia da marca que a dirixe rematou por derivar nun estilo que non hai dúbida de que funciona. Cunha estética coidada e unha ambientación que tamén se fixo un selo en todas as súas series.

As mozas do cable non está mal, déixase ver, entretén, algunhas das protagonistas (Ana Fernández, Nadia de Santiago e Maggie Civantos, sobre todo) defenden con brillantez os seus papeis, pero a ficción non acaba de enganchar como agardabamos. Talvez porque o éxito de Velvet só se vive unha vez.