Dacia Duster: avecíñase outro éxito

MOTOR ON

Dacia, como marca branca de Renault, é un completo éxito grazas ao Sandero, o coche máis vendido en España, pero a partir do verán terá ao seu lado este novo Duster, con visos de triunfar por relación calidade/prezo.

22 ene 2024 . Actualizado ás 21:27 h.

O que podemos ver do novo Dacia Duster, xa na súa terceira xeración, vaticina que será outro modelo de éxito para a marca. Incorpora a nova plataforma CMF-B do grupo, que lle permitirá ser máis grande e dispor das novas tecnoloxías de seguridade. Pero mantén a súa esencia de coche pensado para gozar por igual da natureza e do asfalto, ademais de continuar coa súa liña de modelo alcanzable e honesto na relación calidade/prezo. A súa estética mellora moito, como vemos nas imaxes, e ten aparencia de ser máis coche.

O novo Duster mide 4,34 metros de longo e albergará ata 472 litros no seu maleteiro, ademais de ofrecer máis espazo interior, sobre todo para as prazas traseiras.

A nivel de motorizacións xa pode incorporar todas as do grupo Renault, e no seu lanzamento (empezará a venderse o 1 de marzo) contará cun motor de gasolina TCE 130 con microhibridación de 48 voltios e caixa de cambios manual de seis relaciones. Este motor ofrecerase con versións de dúas e catro rodas motrices e os seus consumos son moi axustados.

A segunda opción de lanzamento será a Hybrid 140, con transmisión automática con cambio multimodo, que incorpora catro marchas para o motor de gasolina e outras dúas para o eléctrico, que se combinan entre si. Este sistema non leva embrague e está pensado para realizar o 80 % dos seus traxectos en só eléctrico, sobre todo en percorridos urbanos.

A terceira opción do novo Duster será a ECO-G 100, que combina un motor de gasolina coa bicarburación de GLP e que ten etiqueta ECO.

Ademais, o novo Duster dispón de catro acabados, Essential, Expression, Journey e Extreme. Os prezos comezan nos 19.290 euros do ECO-G 100 Essential, mentres pola parte alta chega aos 22.890 euros do ECO-G 100 en acabado Extreme. O tope de gama será o Hybrid 140 Extreme, que sairá por 27.790 euros.

O novo Duster ofrece de serie cadro dixital, freada de urxencia, recoñecemento de sinais de tráfico e mantemento de carril.