BMW X4 M40d, a potencia bruta

MOTOR ON

Aínda que na gama do BMW X4 hai un motor de gasolina máis potente, a entrega de potencia da versión M40d, con 326 cabalos, é máis contundente.

11 ago 2019 . Actualizado ás 19:34 h.

BMW foi a inventora dos SUV Coupé e no modelo X4 tivemos a ocasión de acceder á versión M40d, con 326 cabalos pero unha entrega de potencia tan inmediata que brinda unhas sensacións únicas ao seu condutor.

O X4 é un modelo de éxito, co seu recortado tamaño de 4,75 metros de lonxitude e unha gama que vai desde os 184 cabalos ata os 354 do M40i. É un coche versátil, cuns prezos que sempre parten dos 54.000 euros para as versións normais, pero que no caso das M ascenden xa aos 75.000.

O mais destacable da versión diésel de 326 cabalos é unha entrega de potencia sen demora apenas pisamos o acelerador, que nos permite arrancadas contundentes e facilita moito os adiantamentos. Pode parecer mesmo excesivo o brío deste propulsor, pero se queremos un diésel máis pacífico no X4 hai que baixar ata os 265 cabalos do 30d.

Acompañando a súa potencia bruta, o X4 M40d dispón da transmisión xDrive ás catro rodas e unha caixa de cambios secuencial de oito velocidades, ademais da suspensión deportiva M, que mesmo opcionalmente pode ser adaptativa, como na versión que probamos. Con todos estes aditamentos o coche vai excepcionalmente pegado ao asfalto e apenas acusa abalos propios de calquera SUV, permitindo pasos por curva máis próximos aos dunha berlina. Ademais, os acabados M Sport desta versión diferénciano visualmente dos seus irmáns de gama, tanto dentro como fose.