Hoxe en La Voz: Escotet deixa temporalmente Abanca, a derrota de ETA e outros temas

GALICIA

MARCOS MÍGUEZ

Estas son as noticias que debes saber a tal hora

04 may 2018 . Actualizado ás 08:58 h.

Comeza o día informado... 

Hoxe en La Voz

Juan Carlos Escotet deixou por un tempo a presidencia de Abanca para viaxar a Venezuela e defender ao seu equipo no país suramericano, detido por Maduro baixo a acusación de intervir no mercado de divisas para prexudicar á economía do país. Tras efectuar os arrestos, o goberno chavista interveu e nacionalizado Banesco. Esta entidade e Abanca só comparten máximo accionista (Escotet), teñen sedes e consellos diferenciados.

«Hai quen ve normal que un animal che viole se é a túa parella». É o testemuño dunha muller que aínda non superou os abusos que viviu fai catro anos por parte do que entón era a súa parella. Outra vítima de violencia sexual, neste caso de Lugo, recoñece que chorou coa controvertida sentenza da Manda. A ela agredírona fai cinco anos e aínda non pode saír de noite. Considera incrible «que se xulgue ás violadas, pero non aos violadores».

Continúa a folga na xustiza, pero cun seguimento moito menor que en semanas anteriores, o que permitiu retomar o traballo en moitos xulgados, e con división sindical: as centrais que quixeron seguir o paro buscan agora unha escusa para suspendelo

Un dato demoledor sobre o transporte de viaxeiros en Galicia: o 37 % das concesións de autobús ingresan menos de 10.000 euros ao ano. Moitas das empresas adxudicatarias non poderían sobrevivir sen subvencións. É un dos problemas que debe afrontar o plan que prepara a Xunta para o 2020, que ten un gran desafío: adaptar as liñas a un país completamente diferente.

Outro problema endémico de Galicia é o feísmo. A paisaxe da comunidade está afectado por miles de estruturas a medio facer, o que preocupa ao Parlamento, que urxiu á Xunta e aos municipios a que tomen medidas e elaboren un informe para coñecer o alcance do problema. 

O histórico portaavións Príncipe de Asturias xa é só un esqueleto. Nun mes o buque, no seu día insignia da Armada, deixará de existir. 

ETA confirmou a súa disolución cun comunicado lido por dous dirixentes históricos no que non se menciona ás vítimas e evita a autocrítica. A banda terrorista, derrotada pola democracia, deixa un legado  con máis de 2.000 ataques e 850 asasinatos en 50 anos. Podes ver aquí o mapa do terror etarra. E ver neste vídeo o testemuño dunha muller galega, irmá dunha das vítimas non recoñecidas da banda, asasinada hai 45 anos: «Non perdo a esperanza de que me digan onde está»

En clave de opinión analizan o fin de ETA varios artigos. Fernando Ónega escribe «A serpe muda de pel»; Gonzálo Bareño, «Un fin á altura da súa infamia»; e Luis Pousa dedica ao terrorista Josu Tenreira o artigo «O feminista feminicida»

A fondo

Volvemos viaxar ás fronteiras da droga. E contámosche que trinta bandas de La Línea de la Concepción importan o 80 % do haxix que se fuma en Europa. Policía e Vixilancia Aduaneira ven superados en número e sistemas de telecomunicación polos narcos. Podes ver neste vídeo cales son os seus métodos. E neste gráfico as zonas conflitivas, os barrios e os clans desta localidade na que o urbanismo se move co diñeiro do narcotráfico e configura unha xeografía humana similar ás das favelas do Brasil

Mentres durmías

Twitter pediu a todos os seus usuarios que cambien as súas claves tras desvelar que sufriu un fallo de seguridade masivo. Segundo a rede social, non se produciu ningún roubo de datos ou uso inapropiado de claves. 

Galicia en 313 concellos

O Sergas hase visto obrigado a contratar persoal para recoller a roupa sucia no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tras as protestas das auxiliares de enfermería (podes ver aquí o vídeo), que se negan rotundamente a realizar esta función.

«Levo un ano de pelexa en todos os ámbitos, e o que me falta». Unha muller de Mos loita contra a burocracia en sanidade, dependencia e discapacidade que lle impide conseguir un certificado para a súa filla enferma. 

Un can de raza perigosa feriu a unha nova e á súa mascota en Lugo. A moza paseaba á súa cadela cando sufriu o ataque. 

Opinión

«Catalá: un ministro en contra dun barón». Roberto L. Blanco Valdés escribe sobre «unha das máis bastas intromisións do poder executivo na función do xudicial que se produciron en España en moito tempo», a do titular de Xustiza a conta do xuíz do voto discrepante na sentenza da Manda. 

O máis destacado en deportes

Queda un día para o derbi galego máis intranscendente dos últimos anos (sábado, 18.30). Confirmado o descenso do Dépor, na Coruña están máis preocupados pola reconstrución do equipo. Por unha banda, agardan pechar a fichaxe de Carmelo do Pozo como director deportivo. Polo outro, o Brighton volveu a interesarse polo dianteiro romanés Florin Andone

En Vigo hai fame de derbi, pero a afección víveo cun chisco menos de paixón e fala de partido «descafeinado». O Celta tamén está pendente do seu futuro deportivo. Haberá substitución no banco, e un dos nomes que máis soa é o de Asier Garitano, actual adestrador do Leganés

Desde Vigo, entrevistamos a Brais Méndez: «É un ano xenial, co que non contaba, e que me fixo madurar e espabilar». O xogador asegura que a realidade supera ao soño esta campaña e está preparado para o reto de consolidarse.

O Atlético de Madrid xogará unha nova final da Europa League tras derrotar ao Arsenal no Metropolitano (1-0) con gol de Diego Costa

Hoxe será noticia

O autor confeso da morte de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, o Chicle, está citado no xulgado de instrución número 1 de Ribeira   para comunicarlle que será xulgado por un xurado popular polos delitos de homicidio ou asasinato, detención ilegal e contra a liberdade sexual.