Clamor entre os seguidores de «Masterchef» ao irse outro dos concursantes favoritos

La Voz

TELEVISIÓN

Os espectadores mantivéronse o luns especialmente activos nas redes criticando a expulsión de Odkhuu

21 jun 2017 . Actualizado ás 07:11 h.

Un dato é innegable. A quinta edición de Masterchef está a converterse na máis comentada nas redes sociais. Onte, e mentres crecían os comentarios dos espectadores galegos ao comprobar como no programa do domingo, gravado en Santiago, a catedral «perdía» as súas estadas e o Obradoiro só ensinaba a súa cara máis bonita, en Twitter tamén se sucedían as críticas polas decisións do xurado, unha tónica xa habitual nas últimas semanas.

Cada luns as redes convértense nun clamor ao despedirse dos fogóns de Masterchef  os concursantes favoritos do públicos e ao continuar aqueles que consideran que teñen un maior tirón mediático. Unha polémica que, en calquera caso, favorece ao reality. Este domingo, o programa liderou a súa franxa de emisión cun 17,2% de cota de pantalla, distanciándose de Sobreviventes: o debate.

Esta semana a inesperada expulsión foi a de Odkhuu, o deseñador de moda orixinario de Mongolia, un dos favoritos desde o inicio. O concursante, despois de fallar na proba de equipos que tivo lugar no Obradoiro, e na que tiveron que reproducir catro pratos típicos de Galicia (a Odkhuu tocoulle colaborar co caldo), enfrontouse a unha dura proba de eliminación na que debía reproducir unha complexa mazorca de millo multiesférica, unha receita para a que, segundo algúns telespectadores, non debeu chegar a entender ben o que tiña que facer, talvez por un problema de idioma. «As palabras técnicas non as escoitei na miña vida», chegou a recoñecer Odkhuu a un dos chefs. Pepe, na súa despedida, foi claro: «Nunca che vin tan perdido na cociña. O teu prato esteticamente estaba ben, pero fallounos o sabor». 

 

Os usuarios recoñecen que o aspirante non tivo o seu mellor día nas cociñas aínda que creen que o que se debe valorar é a traxectoria. Algúns dos outros concursantes de Masterchef tamén consideraron inxusta a expulsión, sobre todo, fronte á outra candidata (a brasileira Silene) que tamén se xogaba a súa continuidade.

Esta expulsión chega precedida da marcha, a semana anterior, de Laila, outra das aspirantes máis fortes, que dixo adeus tras esquecerse do ingrediente principal, un erro que os xuíces non lle perdoaron e que lle supuxo a eliminación.

A pesar do indiscutible do fallo, moitos usuarios non quixeron pasar por alto nas redes o que consideraron unha «inxustiza» ao non valorarse toda a súa traxectoria. Ademais, tampouco esqueceron que a semana anterior o xurado si deixara que outro das concursantes (Miri), tras un intento errado na elaboración dun biscoito, obtivese máis ingredientes -algo, en calquera caso, permitido-, ante a desaprobación doutros compañeiros que criticaron o suposto «trato de favor».

Odkhuu vaticina que Miri gañará a quinta edición do programa

Na súa inesperada marcha, Odkhuu nomeou a Miri como a aspirante que cre que vai alzarse coa vitoria. 

A concursante, de 23 anos, é un das participantes que máis xogo deu na presente edición, sobre todo, pola súa química co granadino Jorge (un dos seus compañeiros), un tonteo que, segundo os seguidores do programa, tamén se está convertendo nun recurso demasiado explotado.

Este domingo, na primeira proba de onte á noite, na que os familiares dos concursantes eran os que tiñan que probar os menús realizados, a presentadora do concurso, Eva González, mesmo, presentou aos familiares de Jorge e Miri como «consuegros».

Os concursantes tamén coñeceron, empurrados os membros do xurado, aos seus hipotéticos «sogros».

«Masterchef» vaise de voda na semifinal

O domingo que vén o programa vivirá unha semifinal moi especial xa que os seis aspirantes se enfrontarán ao reto de cociñar o menú de voda do que foi o gañador da terceira edición do programa, Carlos Maldonado, quen o domingo volveu ás cociñas de Masterchef para anunciarlles o desafío.

O cociñeiro Pepe Rodríguez quixo chancear con Carlos:  «Segues tan inconsciente como sempre».