Patrocinado por Patrocinadopor

Santi Vázquez, vicepresidente de Hábitat: «Xa no 2009 recolliamos pélets en Baldaio»

Tamara Rivas Núñez
T. Rivas A Coruña

SOMOS MAR

Santi Vázquez, vicepresidente de Hábitat
Santi Vázquez, vicepresidente de Hábitat CESAR QUIAN

Asegura que en Europa «se perden 2.000 colectores ao ano» cargados con estes plásticos

09 ene 2024 . Actualizado ás 15:09 h.

A pesar de que a maior parte da sociedade teña oído falar por primeira vez dos pélets por mor da marea de plásticos que salpica de bolitas a costa de Galicia, Santi Vázquez, vicepresidente do Grupo Naturalista Hábitat, advirte que o problema non é novo e remóntase a «anos e mesmo décadas» atrás. «Esas bolitas ou bágoas de sirena, como moitos as chaman, levámolas vendo nas praias desde hai tempo. Xa no 2009 recolliámolas en Baldaio , e no 2019 e no 2020 había unhas sopa delas na lagoa interior», asegurou esta mañá no programa Voces da Coruña, de Radio Voz

A orixe da actual vertedura está identificada. O pasado 8 de decembro, o mercante Toconao perdeu seis colectores en pleno Atlántico, a 80 quilómetros ao oeste de Viana do Castelo. Nun deles almacenábanse 1.050 sacos de pélets, o que supón máis de 26 toneladas de plásticos vertidas ao mar. «Non é un problema de agora. En Europa pérdense 2.000 colectores ao ano, que é unha cantidade inxente, e por iso levamos décadas e anos atopando esas bolitas», asegura, e insta a que non só se tomen medidas desde os Gobernos central ou autonómico, senón tamén a nivel europeo para «vixiar o tráfico deses plásticos e os procesos de fabricación» nas factorías.

O vicepresidente de Hábitat sostén que a falta de coordinación quedou en evidencia con esta nova vertedura de plásticos. «Desde o momento que se perde un colector e avísase da chegada de pélets, tería que pórse en marcha un mecanismo e un protocolo que non existe», denunciou e reclamou ás Administracións «que se senten, falen e optimicen os recursos» existentes. «Pasou cos xabarís. Tardaron tanto tempo en resolver un problema que se podería ter resolto moito antes traballando en conxunto. A sociedade civil volveu a ser un exemplo», afirmou, aínda que lembrou que «non todos os esforzos poden vir desa parte». 

Hábitat e outras entidades ambientais como Noia Limpa, Adega, FEG ou Mar de fábula están a tratar de coordinar o esforzo da sociedade para intentar limpar e retirar das praias a maior cantidade de pélets. «Non son doce praias, son centos e é necesario coordinarse, saber onde hai maior concentración e tamén que material levar e como recollelos», dixo. 

Sobre a incorporación destes plásticos á cadea trófica, o vicepresidente de Hábitat, ten claro que «acabaremos coméndonolos, como xa facemos». Aínda que unha análise encargada pola Xunta concluíu que as bolitas «non son tóxicas nin perigosas», Vázquez alertou de que «se están moito tempo no medio natural poden volverse tóxicas polo poder de absorción que ten o material». Aínda así lembrou que consumimos microplásticos a diario. «Hainos na auga mineral que tomamos cada día. Está demostrado que á semana inxerimos unha cantidade similar á dun cartón de crédito e ao ano ao redor de 250 gramos. Estamos a comernos plásticos inconscientemente», sostivo, e animou aos pais a acudir cos seus fillos, «polo menos unha vez ao ano» a limpar os areais porque «hai plástico para aburrir».  

Inés Rey denuncia a «xestión inexistente» da Xunta na retirada dos pélets

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey , denunciou esta mañá a «xestión inexistente» da Xunta en relación á vertedura de pélets que salpica a costa galega de bolitas plásticas. «Detéctano e póñenno en coñecemento do 112 e despois din que non sabían nada. Lávanse as mans, como fan con todo o que da súa competencia. Nunca teñen a culpa de nada», afirmou esta mañá. A rexedora sostivo que o Goberno autonómico «descarga permanentemente a responsabilidade nos concellos» e asegurou que non foi ata este martes pola mañá cando recibiron unha comunicación «por parte del conselleiro instándonos a asumir tarefas impropias na limpieza das praias».