Santiago e o Obradoiro vestiron as súas mellores galas o 25 de abril de 1982

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

SANTIAGO

CEDIDA

Cúmprense 42 anos do primeiro e histórico ascenso do conxunto compostelán á máxima categoría do baloncesto español

24 abr 2024 . Actualizado ás 22:03 h.

O primeiro ascenso do Obradoiro á Primeira División do baloncesto español foi o 25 de abril de 1982, en Mataró. O resultado daquela final foi de 86-89, despois de ir perdendo os composteláns por 12 puntos (33-21). Xamais un equipo da capital galega lograra semellante xesta, que acadou o seu maior esplendor cando o equipo arribou ao aeroporto de Lavacolla para recibir aos heroes do ascenso.

O persoal daquel Obradoiro (curso 1981-1982) formábana José Antonio Gil (28 puntos anotados en Mataró), Mario Iglesias (25), Javi Lomas (7), Popocho Modrego (4) e Alberto Abalde (11), quinteto titular; Ramón Balagué (14), Arturo Corts (0), Vallejo (0), Manolo Vidal (0) e Montero (0). Na dirección técnica, Pepe Casal e Julio Bernárdez. Antonio Castro era o presidente.

Aquel 1982, ano do Mundial de España (fútbol), con Xoán Paulo II peregrinando a Compostela, en Ano Santo, foi histórico para o Obradoiro, que tamén sabe facer milagres. Co Obra, que gañou 18 partidos e perdeu oito, nunha liga de catorce equipos, e con tan só doce anos de existencia, ascenderon á máxima categoría o Inmobanco e o Baskonia.

Que lembra Pepe Casal daquel histórico ascenso do Obradoiro a Primeira División, en 1982?: «Foi algo máxico. Tiñamos un equipo con xente de Galicia e conseguimos algo que era impensable. Algún ano antes estivemos preto do milagre, pero por diferentes causas non se logrou. Ao principio os resultados non eran bos porque metín unha gran carga de traballo na pretemporada, un conxunto con moitos xogadores novos e que custou axustar, do mesmo xeito que adecuar os roles de cada un ás necesidades do equipo. Pero a segunda volta foi espectacular e nas segundas partes ninguén aguantaba o noso ritmo defensivo. Gil, Mario Iglesias , Abalde, Lomas, foron a clave do equipo, sen esquecer a Modrego, Balagué e o traballo de dous veteranos de ouro como Echarri e Manolo Vidal».

Cal foi o momento de maior esplendor para Julio Bernárdez na súa longa traxectoria de xogador e adestrador?: «O ascenso do ano 82 a Primeira División. Foi dos instantes máis bonitos e brillantes que vivín con este deporte. Tardamos catro horas en baixar do aeroporto de Lavacolla ao centro da cidade. A estrada estaba colapsada. A pista do aeroporto estaba alagada de afeccionados. Foi un recibimento extraordinario. Valeu a pena o esforzo por ver a ilusión dunha cidade enteira. Foi máxico. Tanto, que 42 anos despois aínda percibo o cariño da xente. É un sentimento moi especial. Eramos como fillos da cidade. Así nos trataban. Os vínculos con Santiago xa foron para sempre. Emociónome cada vez que vou a Santiago».