Pepe Casal: «O que fixo o Obradoiro hai 40 anos foi algo máxico»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

Lembra que os graves problemas económicos impediron a permanencia do equipo na máxima categoria

24 abr 2024 . Actualizado ás 21:59 h.

José Anxo Casal (Vigo, 1950) segue ligado ao deporte da canastra como presidente da Fundación Obradoiro e na organización de dous campus que inaugurou fai tres décadas. O nome de Pepe Casal está escrito con letras maiúsculas no libro de ouro do deporte compostelán. O 25 de abril de 1982, en Mataró, o Obra ascendeu á máxima categoría por primeira vez. El era o adestrador daquel máxico equipo.

Vigués de nacemento e santiagués de adopción, acumula grandes éxitos na súa traxectoria. Adestrador «por casualidade», pois a súa vocación foi é e será a preparación física, garda nas súas vitrinas a medalla de prata dos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 coa selección española de baloncesto. Na súa recente despedida, á primeira persoa que mencionou no seu discurso Pau Gasol foi a Pepe Casal, o seu adestrador persoal durante unha década, o home que transformou o seu «corpo de tirillas», segundo palabras desta lenda do básket. Humilde, sincero, traballador, emprendedor, bo amigo, namorado da pesca, non lle gusta falar das súas proezas, pero si presume de dirixir os campus de Peleteiro e Mondariz.

­—Onde garda a medalla de prata de Pequín 2008?

­—Perdemos a final contra Estados Unidos, que tiña un equipazo. Case damos a sorpresa. Foi o mellor partido da historia da selección española. Non o digo eu, dixérono os franceses de L´Equipe. Aíto García Reneses contaba cun gran vestiario, con Pau Gasol, empezaba o seu irmán Marc, Felipe Reyes, Juan Carlos Navarro, un novísimo Ricky Rubio… ¡Miúdo equipo tiñamos!.

—Por que sempre fala vostede, e moi ben, de Aíto García Reneses?

—Son anos de amizade e de traballar ao seu lado. Empecei con el no Eujubasket de Santiago en 1976 (Campionato de Europa júnior). Era o segundo adestrador. Cando me contrataron tremíanme as pernas. ¡Que tempos aqueles!. A final, no vello pavillón do Obradoiro, gañoulla Iugoslavia á Unión Soviética. España foi terceira con Romay, Epi, Salvo, Querejeta, Solozábal, Iturriaga… E Tkachenko (2,20 de altura) coa Unión Soviética. Aíto foi o que máis me ensinou, ao que máis lle preguntei. Calquera cuestión, nin dubidaba, nin dubido, en chamarlle. Estivo connosco o día que ascendemos en Mataró e falamos da zona 1-3-1 que utilizamos na segunda parte, a clave da vitoria, que ma ensinou en Nadal vendo adestramentos do Cotonificio en Badalona.

—Que lembra daquel histórico ascenso do Obradoiro a Primeira División, en 1982?

—Hai 40 anos. Foi algo máxico. Tiñamos un equipo con xente de Galicia e conseguimos algo que era impensable. Algún ano antes estivemos preto do milagre, pero por diferentes causas non se logrou. Ao principio os resultados non eran bos porque metín unha gran carga de traballo na pretemporada, un conxunto con moitos xogadores novos e que custou axustar, do mesmo xeito que adecuar os roles de cada un ás necesidades do equipo. Pero a segunda volta foi espectacular e nas segundas partes ninguén aguantaba o noso ritmo defensivo. Gil, Mario, Abalde, Lomas, foron a clave do equipo, sen esquecer a Modrego, Balagué e o traballo de dous veteranos de ouro como Echarri e Manolo Vidal.

—Por que durou tan pouco?

—Se a metade dos que nos recibiron no aeroporto de Lavacolla fixéronse socios, o Obra non tería descendido aquel ano. A única razón pola que non se logrou a permanencia foi económica. A directiva foi incapaz de conseguir un patrocinador.

—Só foi un tema económico?

—O diñeiro é clave. Tamén tivemos moi mala sorte. Todo se nos volveu en contra. O adestrador, Todor Lazic, dos tres ou catro técnicos máis relevantes de Iugoslavia, que dirixira ao Barcelona, tivo que deixalo por problemas graves de saúde. Foi un duro golpe. Despois, a nosa estrela, o estadounidense Chuck Verderber, tras roubar un balón e escorregar no vello Sar pola humidade, rompeu o tendón de Aquiles na quinta xornada. Foi a desgraza do equipo. Fose o mellor americano da liga aquela tempada. Viña de ser capitán de Kentucky, que non era unha broma. O seu substituto foi Nate Davis, un xogador con moita fama, pero que chegou moi baixo de forma. Os graves problemas económicos afundíronnos aínda máis. Mesmo tivemos que levar o equipo júnior a xogar un partido a Granollers. Non había nada que facer.

—Vostede sempre foi un comodín.

—Estiven en diferentes postos, aínda que non teño nin idea cantas veces fun adestrador do primeiro equipo. Sempre foi unha situación forzada porque o meu é a preparación física. Paseimo moi ben como adestrador, pero o baloncesto de antes non era como o de agora. Naqueles tempos, co básico, que faciamos moi ben, e con xogadores de talento gañábanse partidos.

—Cales foron os xogadores que máis lle impresionaron?

—Foron dous, na súa etapa de formación, cando aínda non eran ninguén: Fernando Martín e Pau Gasol. Martín viña do balonmán e case non sabía nin botar o balón. Era xuvenil e pasábase o día adestrando comigo. Con catro cosas que aprendeu empezou a destacar por amais dos demais. Con Gasol foi diferente, foi unha experiencia persoal e profesional de moitos anos. Conseguín convertelo nun verdadeiro atleta. Era un tirillas de 89 quilos e pasou a pesar 105 cando se foi á NBA. Tamén teño que mencionar a Navarro.

—Ademais de Gasol e Martín, algún máis que podería destacar?

—No Obra lembro a Bill Collins, un dos mellores americanos da historia do club. Intelixente e excepcional como presenta e deportista. De 1982 tería que destacar a José Antonio Gil, con moito talento, calidade e un gran tiro exterior, fóra do normal. Hoxe sería escolta de calquera equipo da ACB. E Ricardo Aldrey, o mellor de todos.

—Cales son as claves do Obradoiro actual?

—Un dos grandes méritos é o consello de administración que lidera Raúl López, que lle dá un gran equilibrio e estabilidade económica ao proxecto, a un club que nunca tivo unha situación similar.

—Como o Obradoiro, cun orzamento modesto, pode estar tantos anos na Liga Endesa?

—A estabilidade económica é fundamental. Logo está o acerto de contratar a Moncho Fernández e apoiarlle en épocas de vacas fracas. Ser profeta na túa terra, durante tantos anos e nunha competición como a ACB, é moi difícil de conseguir.

—Foi máis relevante o seu ascenso en Mataró ou o de Moncho Fernández en Burgos?

—Épocas moi diferentes. Un ascenso á ACB sempre ten un mérito extraordinario. A gran diferenza é que este Obra seguiu tendo apoio e estabilidade, pero o de 1982 foi un caos económico que nos impediu crecer.