As apps antirrobo que che axudan a protexer o teu móbil

César Rodríguez Pérez
C. Rodríguez REDACCIÓN

REDE

Kelly Sikkema (Unsplash)

Ninguén pode garantir ao cento por cento a seguridade dos nosos dispositivos, pero alarmas, localizadores en tempo real ou mecanismos de borrado de información sensible reducen o risco e mitigan o dano. Que nivel de protección tes no teu «smartphone»?

25 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Avalanchas de notificacións, riadas de wasaps, procuras de todo tipo e pelame, viralidades en cadea, Tiktoks en vea... Os móbiles demandan atención constante, pero os bos hábitos de hixiene dixital deben imporse. É conveniente para a nosa saúde soltar o teléfono e non estar pendente del todo o día, sobre todo cando compartimos mesa e faladoiro con outras persoas. Pero os amigos do alleo sempre axexan polos lugares públicos. Teñen unha especial predilección polos terminais alleos. E unha capacidade extraordinaria de aproveitar calquera descoido.

Un móbil é un dispositivo moi valioso. Non polo seu prezo, senón pola información persoal que contén e por ser unha ferramenta fundamental para unha lexión de xestións. Temos que protexelo dos ciberdelincuentes. De virus, spam, vulnerabilidades, phishing e moitos tipos de ameazas dixitais. Normalmente facémolo con software e con navegación prudente. E das físicas? Podemos instalar barreiras anticacos? Vexamos as diferentes opcións que temos á nosa disposición.

O Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE) recompila na súa páxina unha gran cantidade de ferramentas para protexer a nosa vida dixital. Clasifícaas pola súa finalidade. Hai «Detectores de virus e ameazas», «Mecanismos para protexer as túas contas», ferramentas de «Mantemento e limpeza» e un «Plan B por se ocorre algo inesperado». Aquí inclúen as aplicacións antirrobo. Como funcionan? 

Os móbiles teñen GPS. Se está activado, podemos buscalos se os perdemos, geolocalizando a súa posición a través de dous servizos que ofrecen tanto como Google como Apple. «Atopar o meu dispositivo» e «Buscar o meu iPhone» funcionan de xeito parecido e permiten, ademais de localizar o terminal, bloquealo ou borrar a información que conteñen de xeito remoto. No mercado tamén hai programas alternativos doutros provedores. 

As aplicacións antirrobo que hai nas tendas de Android (Google Play) e Apple (App Store) van máis aló, e por regra xeral seguen a mesma filosofía que os localizadores: aproveitan o hardware dos móbiles, neste caso os sensores de movemento, para ofrecernos unha capa extra de seguridade. Se a aplicación está activada e o teléfono está bloqueado, calquera acción inesperada -desconectar o cargador, sacar o terminal do peto, movelo de de onde está ou desconectar un auricular- activa unha alarma realmente ruidosa. Este é o  funcionamento básico de iAntiTheft , dispoñible para os dispositivos iPhone

  

O ecosistema Android tamén conta con apps deste tipo. Unha das que máis fama ten é Cerberus. Os seus desenvolvedores presumen de que «vai moito máis alá dunha simple aplicación para "buscar o meu teléfono"». Ademais dese servizo, e de alarmas, ofrecen unha barreira de seguridade extra, un «falso apagado» do terminal (para poder seguir rastrexándoo) e a posibilidade de usar as cámaras do aparello subtraído para «fotografar ao presunto ladrón» cando intenta desbloquealo. Para gozar de todas as funcións de Cerberus, hai que rascarse o peto e pagar 5 euros ao ano.

Outra app antirrobo que conta con versións tanto para Android como para iOS é Prey. Os seus desenvolvedores ofrecen varios plans, gratuítos e de pagamento. Cos denominados Free e Starter ofrécense funcións como bloqueo de pantalla, mensaxe de alerta, alarma remota ou rexistro de actividade do dispositivo durante 24 horas. Para funcionalidades máis avanzadas ou para organizacións, hai outras listas de prezos.

Hai moitas alternativas nas tendas de Google e Apple para escoller. Antes de elixir unha, sempre convén fixarse nas reseñas doutros usuarios. Tamén ter en conta que, segundo as características dos nosos dispositivos, pode ser preciso facer axustes na configuración, Estas aplicacións ofrecen unha capa extra de seguridade, pero non unha garantía absoluta para evitar roubos. O mellor xeito de protexerse sempre foi estar alerta e ter coidado. No mundo real, no dixital e no ciberfísico.