Éxito na Festa do Lacón con Grelos que senta a 2.500 comensais á mesa en Cuntis

Marcos Gago Otero
Marcos Gago CUNTIS / LA VOZ

CUNTIS

Búscache no álbum da celebración gastronómica máis famosa da vila termal

04 mares 2024 . Actualizado ás 14:21 h.

Éxito de público e de comensais nunha Festa do Lacón con Grelos en Cuntis que nin o mal tempo nin o frío logrou embazar. A afluencia de persoas durante toda a mañá para gozar das actividades programadas na vila termal foi constante. A presenza dos Cigarróns de Verín animou as rúas e amplificó a dimensión do festexo máis cun espectáculo tradicional do entroido ourensán. Cuntis atraeu visitantes de toda a provincia e non só da comarca onde se sitúa e á hora da comida as dúas carpas quedaron pequenas. Algunhas fontes estimaron a afluencia de comensais nunhas 2.500 persoas e as bandexas cheas de lacón, patacas, grelos e chourizo fóronse sucedendo unha tras outra nas meas. Os asistentes destacaron a excelente loxística, coa colaboración de persoal voluntario da agrupación de Protección Civil de Cuntis. Entre as autoridades presentes, ademais do alcalde, Manuel Campos, tamén estivo o subdelegado do Goberno, Abel Losada. Unha vez que se acabaron as bandexas de lacón chegou a quenda das sobremesas e aquí destaca a enorme variedade das propostas realizadas polos veciños, que sorprenderon a aqueles que asistían a este festexo por primeira vez.

A organización, a cargo do Concello, sinalou o éxito desta edición do festexo cuntiense, onde ademais da boa gastronomía e da animación musical tamén se puido visitar unha exposición de camelias, unha mostra de mel e outra de cerámica inspirada nas pezas castrexas de Castrolandín, unha feira de artesanía e tamén un exhibición de encaixe de palilleiras. O alcalde, Manuel Campos, fixo unha valoración moi positiva deste evento, destacando «a boa saúde» da cita gastronómica. «Esperamos continuar mellorando para consolidar o evento como unha festa de referencia en Galicia», manifestou. Ademais da degustación do lacón con grelos, na xornada deste domingo levou a cabo o Enterro do Chapante, un acto con o que se pon punto e final ao entroido neste municipio.