As catas no castelo de Monterrei revelan un tramo de calzada antiga

s. martínez verín / a voz

MONTERREI

CEDIDA

A plataforma expuxo que os restos achados están en perfecto estado de conservación

28 ene 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

As catas efectuadas por arqueólogos contratados pola adxudicataria das obras de mellora de acceso ao castelo de Monterrei revelaron restos dunha calzada antiga, seguramente medieval, segundo a plataforma en defensa do castelo. A falta de datación concreta, estes restos confirman algo do que xa se tiña constancia: a existencia dunha calzada orixinaria de acceso á fortaleza.

A plataforma expuxo que os restos achados están en perfecto estado de conservación e advertiu que «denunciará calquera agresión estrutural que lle causen as obras de acceso ao castelo». O achado suporía o descubrimento dun novo tramo da calzada, situado desde as portas o recinto defensivo central ata o acceso principal ao castelo polo norte. Este tramo en concreto estaba cuberto cunha capa de terra. «Algunhas casas de Monterrei foron construídas por amais desta calzada, o que denota unha antigüidade superior ás mesmas», sinala a plataforma.

O grupo en contra do uso hostaleiro do castelo criticou a «inexistencia» dun plan director para o castelo. Os restos desta calzada poderían ter máis de medio milenio de antigüidade, sinalan.

Pola súa banda, a Axencia Galega de Turismo non confirmo a transcendencia destes restos. Matizou que se están realizando «as prospeccións arqueolóxicas indicadas pola Dirección Xeral de Patrimonio». Segundo a Xunta, a maior parte destas catas xa están escavadas a fin de que os técnicos «poidan valorar calquera restos atopado e poder continuar a obra». Ese informe oficial aínda non está concluído. 

Os traballos de remodelación do acceso ao parador teñen un custo de 320.000 euros. Está previsto que o día 4 ábrase de novo o parador de Monterrei, pechado estacionalmente desde mediados de outubro.