Patrocinado por Patrocinadopor

En Muxía abren A Barca para evitar que os furtivos lles rouben o percebe

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

SOMOS MAR

«Se non os collemos nós, cóllenos eles», di Amador Vilela, o presidente da agrupación

08 may 2024 . Actualizado ás 22:15 h.

A Barca é un deses santuarios percebeiros que só se abren en Nadal e para agasallar aos turistas en agosto, pero onte 28 mariscadores sacaron o tope con facilidade nas rocas máis emblemáticas e ricas de Muxía . A agrupación decidiu que dous días ao mes, en condicións moi concretas, acudirían a por os crustáceos e todo para evitar que os furtivos leven o que estiveron gardando durante meses. «Se non os collemos nós, cóllenos eles», di Amador Vilela, presidente do colectivo.

O bo estado do mar e as mareas vivas son as causas de que os mariscadores se aventurasen a coller percebes aos que normalmente non teñen acceso. Recolleron exemplares dunha calidade e un tamaño extraordinario que na véspera de Noiteboa conseguisen un prezo marca, pero que se pagaron ben. Amador Vilela vendeunos aos seus clientes habituais a 75 euros o quilo.

A cuestión é que notaron na agrupación muxiana que se achegan moitas lanchas con mergulladores. Son eles os que poden acceder a estes exemplares que normalmente non se poden acadar, sobre todo en inverno. Só en días como o de onte, co mar en calma e mareas de máis de metro e medio pódense lograr desde terra. A idea é que aínda que as cotizacións non sexan agora as melloras, o diñeiro quede en Muxía . «Valen máis 300 euros no peto dun mariscador que no dun furtivo», sentenciou Amador Vilela.

Hoxe non teñen previsto ir á Barca porque haberá algo de ondada. Estarán na Punta da Buítra, onde os exemplares non son tan vistosos, pero o xoves volverán porque haberá as mesmas condicións que onte. Repetirán o método nos próximos meses, pero en datas concretas que se irán decidindo sobre a marcha.

Amador Vilela recoñece que as cousas non van demasiado ben porque non hai recambio xeracional. Chegaron a ser máis de 90 e agora apenas chegan a 30 e por iso tamén se fai máis dura a vixilancia. Na marea nocturna estarán á espreita e así seguirán bastantes días, mentres o mar non sexa capaz de defenderse en por si.