O Volkswagen T-Cros corre en San Fermín

Por Juan Ares

MOTOR ON

-

O Volkswagen T-Cros fabrícase en Pamplona para toda Europa, e agora renova o seu deseño e equipamento competindo no segmento dos SUV urbanos, con prezos desde 21.950 euros para os seus motores de gasolina, con 95, 115 e 150 cabalos de potencia.

17 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O T-Cros fabrícase en Navarra desde o 2018 xunto aos modelos Taigo e Polo, e o ano pasado matriculou en España 9.667 unidades.

Con só 4,13 centímetros de longo, preséntase como un modelo pensado para o uso urbano, sobre todo cos seus dous motores máis pequenos. Agora recibe modificacións que o fan máis atractivo, como a nova grella frontal e un sistema de iluminación con faros LED Matrix, ademais de novo deseño de pilotos traseiros en forma de X cunha liña luminosa de lado a lado.

No interior hase mellorado a calidade dalgúns materiais e ademais engádese o cada día máis recorrido control por voz para dar instrucións vocais a algunhas funcións do vehículo; tamén un novo panel de instrumentos dixitalizado, de serie tras o volante, con 8 ou 10 polgadas (no acabado R-Line). Para rematar, mellorouse a pantalla central, que é de oito polgadas, con opción de ampliala a 9,2 e conexión de aplicacións incluída.

A nivel de axudas á condución, este renovado T-Cros xa ofrece o sistema Travel Assist con guiado lonxitudinal (garda distancias) e transversal (mantén no carril), ademas de asistente ao aparcadoiro, freada de urxencia, detector de ángulos mortos e cámara de visión traseira. A capacidade de carga do maleteiro é de 385 litros, aínda que abatendo os asentos traseiros acádanse os 1.281 litros.

MOTORES

O T-Cros ofrecerase en tres versións de gasolina, as dúas primeiras cun 1.0 TSI de tres cilindros con potencias de 95 e 115 cabalos, orientadas a percorridos urbanos e de proximidade. O que queira máis prestacións terá a opción 1.5 litros TSI, xa con catro cilindros e 150 cabalos, con desconexión de cilindros e un cambio DSG de sete velocidades. Esta última versión xa permite afrontar longos desprazamentos por estrada.

Os acabados serán Life, MAIS e R-Line, este último para os motores de 115 e 150 cabalos, que neste caso ten un prezo próximo aos 30.000 euros. O T-Cros xa está nos concesionarios galegos para facerse un oco entre os SUV urbanos.