Citroën ë-C3: europeo e económico

Por Juan Torrón

MOTOR ON

-

Ultimamente non é doado conxugar estas dúas palabras, pero Citroën xógalla lanzando o C3 eléctrico a un prezo de 20.490 euros (sen axudas) en todos os países da Unión Europea.

10 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

C orría o ano 2002 cando Citroën decidiu lanzar un vehículo urbano baixo o nome de C3. A marca francesa vendeu desde entón máis de 5,6 millóns. Pasaron xa catro xeracións e nel todo evolucionou. Desde os primeiros motores diésel ao motor eléctrico que será protagonista da seguinte xeración, que chegará en marzo do próximo ano. Citroën busca agora un vehículo urbano cento por cento limpo de emisións e a un prezo moi alcanzable, capaz de competir contra modelos chineses, que cada día acaparan máis o noso mercado.

Con este novo C3, a marca quere ser o mellor en confort da súa clase, apostando polos amortecedores hidráulicos progresivos e situando ao condutor nunha posición máis elevada. No interior búscase recrear a sensación de estar no salón de casa grazas aos asentos confort que posúe a marca ou á alfombrilla de carga inalámbrica para os móbiles, entre outros detalles.

Pero tamén os enxeñeiros queren que a vida eléctrica do coche sexa doado para o cliente. O novo C3 estará equipado cun motor eléctrico de 113 cabalos (83 Kw) cuxa recarga nun punto de 100 quilowatts pódese realizar en menos de 30 minutos. A súa velocidade máxima sitúase nos 135 quilómetros por hora e de 0 a 100 acelera en 11 segundos. O cliente poderá elixir entre dúas baterías, unha básica capaz de realizar 200 quilómetros e outra máis estendida que pode acadar os 320 quilómetros, e cuxo prezo xa aumenta ata os 23.800 euros.

Todo iso montado e deseñado sobre a plataforma Smart Car, e onde Citroën aproveitará para pór o seu novo logo de marca.