Citroën C5X: para levarllo hoxe mesmo

Por Javier Armesto

MOTOR ON

-

Cun comportamento ultraconfortable, grazas á súa suspensión de topes hidráulicos e a unha caixa automática de oito marchas, este C5X ofrece modernas mecánicas de gasolina e híbridas enchufables. E amais pódese adquirir xa, sen ter que agardar nada.

23 abr 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O DS21, o CX, o XM, o C6… Todos lembramos aqueles modelos cos que Citroën se sitúo na vangarda do deseño e a tecnoloxía automobilística, e o novo C5X é o seu digno herdeiro. Un coche de 4,81 metros de longo, cun morro afiado e un portón traseiro que descende suavemente culminando nun rechamante alerón xusto na base da luneta.

O bloqueo e desbloqueo do coche é mans libres, polo que non temos que sacar o mando do peto para nada. O interior mostra unha imaxe moderna, cunha pantalla panorámica de 12 polgadas no centro do cadro de mandos e un volante de coiro coa parte superior e inferior planas. Nada máis sentarnos apreciamos unha das características clave deste automóbil, a súa comodidade, e é que as butacas dianteiras teñen un abrandado e unha amplitude que permiten facer moitos quilómetros sen que o corpo se resinta. A tapicería é de TEP (tecido con revestimento de poliamida), agradable ao tacto, menos calorosa no verán que a pel auténtica e facilmente lavable.

A visibilidade polo retrovisor interior está un pouco limitada pola inclinación da luneta e algúns mandos foron situados un pouco lonxe do alcance do condutor, como a roda para acender ou apagar o sistema multimedia e manexar o volume (aínda que hai botóns de acceso directo no volante). O espazo para as pernas é xeneroso, tanto diante como detrás, mentres que a altura ao teito é un pouco máis xusta. O maleteiro ofrece 545 litros de capacidade e ten unhas formas moi aproveitables, ademais dunha boca de carga enorme grazas á súa apertura de portón. Baixo o piso hai espazo para unha roda de galleta e mediante uns tiradores podemos abater os respaldos traseiros, aínda que non queda unha superficie plana.

O Citroën C5X ten motorizacións de gasolina e híbrida enchufable. Entre as primeiras hai unha versión de tres cilindros e 130 cabalos e outra de catro cilindros e 180 cabalos, que é a que probamos. Desde o primeiro momento chama a atención a axilidade do coche, o lixeiro que se sente. Pesa ao redor de 1.550 quilos, que é pouco para un vehículo destas dimensións e especialmente se o comparamos cos seus irmáns PHEV, cuxa batería suma 250 quilos á masa total. Así que conducir este coche é unha gozada, cunha aceleración de 0 a 100 kms/h en 8,8 segundos e moita soltura nas recuperacións. A iso axuda unha caixa de marchas automática de oito relaciones, cuxo escalonamiento permite obter unha resposta inmediata incluso indo na máis alta de todas: con rapidez e suavidade, baixa unha ou dúas marchas para atender a maior demanda de potencia.

Temos tres modos de condución, Eco, Comfort e Sport, no que a dirección se endurece e o motor estira un pouco máis as marchas para ir máis alegre. Pero o denominador común é a comodidade: a suspensión con topes hidráulicos, que xa probamos no C5 Aircross e o ë-C4, fai aquí un traballo excelente, cunha amortiguación perfecta sen que o coche vaia flotando, e iso tradúcese nun confort e unha finura de condución sobresalientes. Inclina un pouco nas curvas, pero o apoio e a nobreza de comportamento fan que poida circular a ritmos rápidos mesmo en estradas sinuosas. O motor non se escoita salvo cando aceleramos a lume de biqueira, e a única banda sonora é o vento.

O Citroën C5X está dispoñible desde 33.600 euros na versión de 130 cabalos, que é máis lenta (11,3 segundos no 0 a 100 kms/h), mentres que a de 180 cabalos co acabado Shine vaise aos 41.000 euros. Os híbridos enchufables parten de 44.000 euros e hai dúas potencias dispoñibles, 181 e 224 cabalos, ambas cunha autonomía eléctrica duns 60 quilómetros. O bo deste coche é que actualmente hai unidades dispoñibles para a súa compra inmediata, sen o pescozo de botella que noutras épocas e con outros modelos implicaba ter que agardar entre oito e doce meses.

A suspensión de topes hidráulicos ofrece unha amortiguación perfecta, sen que o coche vaia flotando