O máis divertido da clase

Juan Torrón

MOTOR ON

A marca francesa logrou axuntar no novo e-Mehari o «look» e o carácter de todo un mito, adaptándoo ao mundo real. trátase dun coche divertido, limpo coa natureza, xa que é cento por cento eléctrico, agora con teito ríxido e capaz de usar a mangueira para lavalo por dentro.

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Corría o ano 1968, exactamente o 11 de maio, cando a marca francesa Citroën lanzaba ao mercado o primeiro Mehari. Un coche divertido cuxa carrocería estaba realizada dun material distinto ao resto. A súa capota de lona e tamén os seus cristais combinábanse coas correas que suxeitaban o capó e só dúas portas de ínfimo tamaño, e o seu parabrisas podíase tombar para sentir o vento na cara. Agora, a marca quere revivir este modelo coa segunda xeración do coñecido como E-Mehari. Unha primeira letra que indica que o novo modelo é cento por cento eléctrico, cunha autonomía de 200 quilómetros e unha velocidade máxima de 110 por hora, todo iso apoiado por unha batería insensible ás variacións climáticas.

O E-Mehari chega como unha chiscadela á icona do modelo dos anos 60, pero este pode presumir ademais de ser tamén un cabriolet de 4 prazas e de dispor dun novo teito ríxido denominado Hard Top, facilitando así o uso do coche en todas as épocas do ano e mellorando a acústica do coche.

O novo modelo ten un prezo de 23.500 euros, pero a marca ofrece unha cota mensual de 190 euros máis 87 do alugueiro da batería. Un prezo no que se inclúen novos elementos de seguridade como os catro airbags, os arcos superiores en aceiro e dúas fixacións Isofix para as prazas traseiras. De serie tamén incorpora o aceso automático de luces, peche centralizado e detector de presión de pneumáticos. Todo iso combinado con dúas cores interiores, Laranxa ou Lama. Por certo, un interior que permite ser lavado con mangueira tal e como ocorría co seu irmán de outrora.

 

En Galicia fabricáronse máis de 12.000

O refuxio dos máis hippies nos 60 estaba en Formentera e ata alí chegaban numerosas unidades dun Mehari que se fabricaba en Vigo, con máis de 12.000 unidades, e que conquisto o mundo enteiro coa súa versatilidade e polivalencia, chegando a acadar máis de 150.000 unidades vendidas. En outubro de 1968 presentouse no Salón de París e pronto se deixo ver como coche da gendarmería francesa, así como versións para o exercito e mesmo en raids como o Dakar, xa que tamén dispuxo de tracción 4x4. En 1987 púxose fin á súa produción.