O Concello deixa sen cubrir 150 horas de axuda a domicilio ao mes

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Monforte non presta todas as horas de axuda a domicilio para persoas de idade avanzada que ten asignadas. Denunciouno onte o Partido Popular, que pedirá explicacións ao alcalde por este asunto no pleno que celebrará mañá a corporación local. Esta denuncia prodúcese dous días despois de que o delegado territorial da Xunta dese a coñecer os datos máis recente sobre o número de beneficiarios dos servizos de asistencia a domicilio e das axudas á dependencia no municipio de Monforte, ao que o alcalde, José Tomei, replicou lembrando que a Xunta non é a única administración que financia este tipo de servizos.

No PP aseguran que as horas de prestación que ten asignadas o Concello de Monforte ascenden a 4.690 mensuais, pero as que realmente se prestan son 4.540. A portavoz local do PP, Julia Rodríguez, sostén que isto quere dicir que o Concello deixa sen cubrir 150 horas de asistencia a domicilio todos os meses. Julia Rodríguez asegura que estas cifras saen dos datos oficiais sobre este servizo.

A esta concelleira non lle parece admisible que queden horas de prestación sen asignar porque actualmente hai persoas en lista de espera, anotadas para recibir este servizo pero que non o están gozando.

O PP agarda que no pleno de mañá o goberno local explique por que hai horas de axuda a domicilio asignadas pero sen cubrir e se está previsto corrixir este problema.

O volume de traballo creceu un 15,7% desde finais do ano pasado

De acordo coas cifras que difundiu onte o PP, que segundo esta formación política saen das estatísticas oficiais de prestación deste servizo, en Monforte o número de usuarios do servizo de axuda a domicilio entre o cuarto trimestre do 2016 e o primeiro do 2017 incrementouse de forma significativa. O número de horas de traballo realizado para os usuarios aumentou neste período nun total de 637, o que representa un 15,7% máis das que estaban dispoñibles a finais do ano pasado.