«Quero axudar a dar a coñecer Galicia e a Ribeira Sacra»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Afincada no sur lucense desde o 2015, a australiana Sophie Bush convoca un certame literario en inglés sobre a súa terra de adopción

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde hai dous anos, a australiana Sophie Bush vive na localidade de Pesqueiras, da parroquia de Atán, en Pantón. Hai pouco editou o libro The good life inGalicia , que reúne textos presentados a un concurso literario que convocou a través de Facebook, nun perfil chamado Cyberworld Publishing. Este nome é tamén o dunha editorial creada por ela que publica obras en formato dixital e en papel. Na súa maioría, estes escritos están dedicados á Ribeira Sacra. Agora acaba de abrir a segunda edición deste certame, ao que se poden presentar obras en prosa -de ficción e de non ficción- e de poesía que deben estar escritas en inglés e centradas de xeito significativo en Galicia.

-Por que decidiu converterse nunha veciña de Pantón?

-Quería irme a vivir fóra de Australia, pero non sabía nada de Pantón nin da Ribeira Sacra. Nin sequera sabía onde estaba Galicia. No nadal do 2014 estaba tomando un café cuns amigos e un deles díxome medio de broma que mirase algo en España, porque a vida alí non era cara. Empecei a buscar cousas en Internet e atopei unha oferta dunha casa nunha vila de Pantón. Gustáronme moito as fotos do lugar e acabei comprando a casa por Internet, sen ter estado antes aquí. Tampouco coñecía a ninguén que vivise en Galicia. Cheguei por primeira vez a finais de marzo do 2015.

-Foille doado instalarse?

-A casa non resultou ser o que agardaba, porque non tiña cociña nin baño. Ademais, na primeira visita que fixen ao lugar tiven un contratempo co coche alugado que levaba, porque a estrada é moi estreita. Tiven que buscar outra casa a fume de carozo porque vivo con varios cans e íanmos a enviar só dous días despois, así que non me abondaba con alugar un piso. Pero ao final arranxáronse as cousas e atopei outra casa, na que vivo agora.

-Antes de publicar este libro xa tiña experiencia como autora ou editora?

-Si, comecei en Australia a publicar libros en formato electrónico sobre o coidado dos cans que escribía eu mesma. Ese foi un dos traballos que tiven, porque estiven uns quince anos dando clases sobre como coidar cans e como preparalos para participar en competicións caninas. Durante este tempo vivía preto de Sídney. Tamén traballei durante dezaoito anos como auditora de contas para empresas mineiras na cidade de Darwin, no norte de Australia. Despois publiquei varias antoloxías de historias de misterio e outras de escritores da rexión central do estado de Virginia, en colaboración cun amigo dos Estados Unidos.

-Como tivo a idea de organizar concursos literarios sobre Galicia e en inglés?

-O que pretendo con isto é axudar un pouco a dar a coñecer Galicia e a Ribeira Sacra a xente de todo o mundo que non sabe nada delas, como me pasaba antes a min. Quero reunir e divulgar textos escritos por persoas que coñecen Galicia e que conten as súas experiencias nela. Poden ser de calquera sitio, con tal de que as obras estean escritas en inglés. Pero no concurso tamén poden participar xente que non estivo en Galicia, para que conten a visión que teñen dela desde fóra. Agardo que haxa moitos participantes para poder publicar un libro extenso cos textos que envíen. O primeiro que editei non é moi grande, é só para que se vexa que estou disposta a publicar libros con estes textos e para que a xente se anime a participar.

-Pensa quedar a vivir definitivamente en Pantón?

-Estou moi contenta aquí e non teño intención de irme. Gústame moito vivir nun sitio pequeno e tranquilo, onde a xente é moi sociable e é doado relacionarse. Na aldea de Pesqueiras, onde vivo, hai agora catro veciños, aínda que no verán vén máis xente e chega a haber ata unha trintena. En Galicia o trato é moi acolledor e xeneroso cos estranxeiros e ademais a paisaxe é moi bonito. É unha terra verde e montañosa moi diferente de Australia, que é moi seca e plana. É moi distinta da idea que adoitan ter os estranxeiros acerca de España. Agora estou mirando o xeito de arranxar a primeira casa que comprei en Pantón para dedicala ao turismo rural. Cando a adquirín non o sabía, pero a casa está xusto ao lado dunha ruta de sendeirismo importante.

-Ten algunha experiencia previa en hostalería ou turismo?

-En Australia alugaba ás veces a miña casa a visitantes, pero isto é algo moi diferente. Aínda non sei moi ben como o farei, pero quero intentalo.

 

un contido variado

O libro The good life in Galicia, que Sophie Bush pretende que sexa o primeiro dunha serie, reúne textos escritos por autores anglófonos de varias procedencias: Australia, Reino Unido, Irlanda e Estados Unidos. Na súa limitada extensión -de menos de noventa páxinas- hai relatos, artigos, poemas e mesmo unha receita de cociña. A maioría das pezas tratan sobre a Ribeira Sacra e algunhas páxinas (como a da imaxe da dereita) ata inclúen fotografías de paisaxes da zona. As persoas interesadas en participar na segunda edición do concurso convocado pola editora poden consultar a bases na páxina web cyberworldpublishing.com. Os traballos poden presentarse ata o primeiro de agosto e deben ser enviados a través de correo electrónico