A conexión arxentina Vigo-Cádiz

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

CÁDIZ Cf

Eduardo Berizzo e Gustavo López militaron no equipo andaluz tras as súas etapas no Celta , como agora Augusto Fernández, que regresa a Balaídos

11 dic 2020 . Actualizado ás 21:25 h.

Augusto Fernández regresa o luns a Balaídos co Cádiz, club que se fixo cos seus servizos a finais da tempada pasada e tras o paso do arxentino por China . O que foi capitán do Celta xa xogou como visitante no municipal vigués co Atlético de Madrid na mesma tempada en que se marchou -fíxoo no mercado de inverno, tomando unha decisión que levantou bochas-, pero agora volve coa mesma camiseta coa que o fixeron outros dous nomes propios arxentinos importantes do club: Eduardo Berizzo e Gustavo López.

O Toto foi o primeiro en cambiar Vigo por Cádiz. Aos seus 36 anos, e tras ter logrado o ascenso co Celta no 2005, regresou a Primeira, pero fíxoo vestindo a camiseta d o conxunto andaluz. O central acababa contrato e o entoes adestrador do equipo, Fernando Vázquez, non contaba con el, o que lle obrigou a buscar un novo destino tras máis de catro anos en Vigo. Alí ía pór fin á súa carreira futbolística.

Óscar Vázquez

Antes, o que logo sería adestrador do Celta entre os anos 2014 e 2017, disputou 14 partidos coa camiseta do Cádiz entre os que estivo a visita a Balaídos o 26 de febreiro do 2006. Foi nun duelo no que disputou os 90 minutos e os tres puntos quedaron en casa grazas aos goles de Pablo Contreras e David Silva.

Na previa, o Toto aproveitara para mostrar o seu cariño polo club. «Son un rival circunstancial. Defendín esa camiseta como un vigués máis», comentaba o actual seleccionador de Paraguai. Agardaba ser ben recibido polo público de Balaídos e o seu vaticinio cumpriuse.

O mesmo sucedeu no único partido que Gustavo López disputou como visitante no municipal vigués. Foi tras o último descenso do equipo celeste, no 2007, cando tras non chegar a un acordo para a renovación, probou sorte no conxunto gaditano, que nese momento estaba en Segunda, onde colgaría as botas. Naquela última tempada da súa carreira, Gustavo enfrontouse ao Celta tanto no Ramón de Carranza como en Balaídos, con derrota e vitoria, respectivamente.

Óscar Vázquez

A única vez de Gustavo como visitante na que foi a súa casa de durante oito anos e tras pechar esa etapa (antes foi rival co Zaragoza) foi o 18 de maio do 2008, con resultado de 5-2 para os de Alejandro Menéndez e goles de Perera (2), Quincy (2) e Jorge Larena. El non marcou, pero antes avanzara que, de facelo, non o celebraría en ningún caso. «É unha cuestión de principios. É imposible ante un club que me deu tanto durante oito anos», resolvía.

Balaídos deulle unha calorosa benvida xa desde que se escoitou o seu nome nas aliñacións. Eran momentos convulsos nos que o cariño a Gustavo se mesturaba co rexeitamento ao presidente: «Gustavo, si; Mouriño, non», oíuse ese día.

O outro regreso de Augusto

Fronte ao cariño que recibiron Berizzo e Gustavo López cando regresaron a Balaídos, a primeira experiencia de Augusto foi moi distinta. Estaba moi recente a súa marcha cando o 20 de xaneiro do 2016 o Atlético visitou en Copa a un Celta que eliminaría aos colchoneiros. E a inchada de Balaídos tívoo presente para apuparlle. Este luns, sen público, non se poderá comprobar se o celtismo lle perdoou.

Berizzo deixou o Celta ao non entrar nos plans de Fernando Vázquez tras finalizar o seu contrato. O Cádiz foi o seu último equipo como futbolista profesional.

Gustavo López non logrou acadar un acordo para seguir no Celta e defendeu a camiseta do Cádiz na súa última tempada como futbolista en activo.