O primeiro banco de libros da Xunta abarcará 3º e 5º de primaria e 2º e 4º de secundaria 

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

GALICIA

Os alumnos que non devolvan os manuais adquiridos con axudas non terán dereito a este material

01 jun 2015 . Actualizado ás 12:32 h.

A Consellería de Educación creará un banco de libros en cada colexio e instituto. O primeiro ano de aplicación farase cos manuais de terceiro e quinto de primaria, e segundo e cuarto de secundaria, que deben devolver todos os estudantes que durante este curso tiveron axudas para comprar libros. Para poder optar a estes materiais, é un requisito imprescindible ter devolto estes manuais, aínda que a Xunta tamén recolle na norma que poderán entregar os libros aqueles nenos que non teñan tido axudas pero queiran depositalos no centro educativo.

Os textos recolleitos entregaranse en orde inversa á renda familiar, pero a norma non recolle a obrigación de que teñan manuais todos os alumnos que non exceden un limiar de ingresos, o que pode levar a que haxa estudantes que ata agora tiveron axudas e queden sen libros se non hai suficientes no colexio ou instituto. Os estudantes que teñan comprado libros co cheque escolar deben devolvelos antes do 19 de xuño, ou do 4 de setembro se teñen algunha materia pendente para setembro.

Educación cambia con esta orde o modelo de axudas en función da renda por un sistema de préstamo a familias con ingresos baixos. O cheque escolar mantense o próximo curso para o alumnado de primeiro, segundo, cuarto e sexto de primaria; así como primeiro e terceiro de secundaria e educación especial, cos mesmos importes e niveis de renda que ata agora.