Narón coloca máis cebos contra a proliferación das ratas no parque de Freixeiro

Carla Elías Martínez
Carla Elías NARÓN

NARÓN

O Concello require a Augas de Galicia que limpe o río da zona para atallar a situación

20 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A través das redes sociais veciños e usuarios do parque de Freixeiro non cesan en colgar vídeos das ratas que campan ás súas anchas pola área de xogos infantís e outras zonas, alertando do perigo que pode implicar, sobre todo para os nenos. «Oxalá solucionen algo pronto polo benestar e protección de todos», pide Karito Ortiz. Unha situación que tamén denuncia a Asociación Parque Río Freixeiro.

Unha situación que o Concello naronés busca atallar en dúas frontes. O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, explicou que xa se trasladou a problemática hai días á unidade de medio ambiente da Policía Local e ao persoal da empresa de desratización coa que traballa o Concello. Constatouse este incremento que denuncian os usuarios, ante o que os operarios incrementaron os cebos para atrapar aos roedores, aínda que o edil apunta que xa había estas trampas colocadas no parque porque o problema non é novo.

Por outra banda, a unidade policial efectuou un informe sobre a situación para requirir a Augas de Galicia a limpeza do río que discorre polo espazo natural. No entanto, esta limpeza deberá acometerse unha vez empece a funcionar o saneamento, algo que será inminente xa que faltan as últimas conexións deste tramo, explicou o responsable da área.