Javier Gutiérrez vs Xosé Antonio Touriñán: os actores galegos animan á afección para o vital Racing de Ferrol-Deportivo

E.B / G.V. REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

La Voz

Recoñecidos actores e amantes do fútbol, defenden as súas cores e envían unha mensaxe á afección ferrolá e coruñesa ante un choque fundamental para o ascenso a Segunda División. «O Dépor é un rival forte, pero ímoslles gañar», di Gutiérrez. «Vai ser para nós o derbi ártabro», contesta Touri.

14 abr 2023 . Actualizado ás 10:26 h.

Colas en Riazor para conseguir unha entrada e localidades esgotadas en Ferrol. O partido que máis interese esperta estes días no fútbol galego é o que enfrontará ao Racing e ao Deportivo este domingo, a partir das 19.00 na Malata. O recinto ferrolán vai estar ata a bandeira para este derbi ártabro na Primeira RFEF. Un encontro de máxima rivalidade que enfronta a dous veciños, pero sobre todo a dous aspirantes ao ascenso a Segunda División. O Dépor suma dous puntos máis que o Racing, pero este ten un partido menos. Un ingrediente máis para que ambas as afeccións volvan atoparse na que se agarda que sexa unha festa do fútbol da que ninguén se quere borrar.

Afeccionado do Racing de Ferrol, o actor Javier Gutiérrez leva as súas cores alá onde vai. «Quero enviarvos un abrazo a todos os seguidores racinguistas e especialmente aos mozos de Cristóbal Parralo». Así comeza a mensaxe que o recoñecido actor ha enviado a La Voz de Galicia. «Este Racing está facendo unha pedazo de supercampaña e este domingo temos unha das citas máis importantes, non da tempada, senón dos últimos anos», di sobre o choque ante un rival, o Dépor, que considera «que vén forte, pero estou seguro de que lle imos gañar». 

O gañador de dous premios Goya e embaixador oficial do club di que non poderá estar na Malata o domingo, pero que o seu corazón «será verde»: «Que vibredes neste partido. Este ano ímonos a Segunda». 

Desde A Coruña, un dos máis coñecidos deportivistas está xa enchufado a este encontro que pode decantar o play off. Xosé Antonio Touriñán leva a bandeira branquiazul por todos os puntos da xeografía. É máis, el foi o creador da iniciativa «Un dos meus», que apadriñaba aos canteiráns branquiazuis. «Xente, deportivistas! Esta fin de semana temos que ir a Ferrol a botarlle unha man aí ao equipo que vai precisar de toda a nosa axuda». Do mesmo xeito que Javier Gutiérrez, o actor galego está seguro de que o partido vai estar máis que disputado. «O Ferrol vén forte, pero eu creo que o derbi ártabro vai ser para nós. Prepárate, Javier Gutiérrez!», remata entre risos a súa mensaxe Touri. 

Rivalidade que caldea do mellor modo os ánimos no que será un dos encontros que máis gocen esta xornada os amantes do fútbol galego.