Un respiro para a contorna da Torre, na Coruña: retiran unha tonelada de uña de gato

Tamara Rivas Núñez
T. Rivas A Coruña

A Coruña

Un grupo de 24 voluntarios coordinados polo grupo Hábitat participaron nunha nova xornada para a erradicación de especies exóticas invasoras

30 jul 2023 . Actualizado ás 21:19 h.

A flora e a fauna autóctonas que habitan na zona da Torre van aos poucos respirando máis aliviadas. O proxecto que fai cinco anos impulsou o grupo naturalista Hábitat «sen demasiadas pretensións» para retirar especies exóticas invasoras na contorna do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) torre de Hércules ha ir crecendo e este domingo protagonizou unha nova acción na que, grazas a un grupo de 24 voluntarios de todas as idades, logrouse retirar ao redor dunha tonelada de uña de gato (Carpobrotus edulis) nas case tres horas que durou a actividade. «A estimación é de entre 900 e 1.000 quilos, pero faltan os datos do control de báscula. O que é seguro é que superaremos a barreira das 61 toneladas nas máis de sesenta xornadas que levamos realizando ao longo destes anos», explica Andrés Pereira, un dos responsables das actividades e os proxectos da organización naturalista.

Estiman que levan extraído un 40 % da superficie total que ocupa na actualidade esta especie invasora orixinaria de Sudáfrica , pero son conscientes de que aínda queda moito traballo por facer. «A uña de gato é como un cancro que se vai estendendo. Se naturalizó e empezou a ocupar o hábitat de especies autóctonas e a xerar unha manta densa que se vai estendendo e que relega toda a riqueza autóctona e mesmo modifica as condicións do chan», comenta o experto e agradece o esforzo tanto ao Concello «por dar continuidade a esta colaboración», como aos voluntarios «sen os que non se poderían abarcar» accións como esta. Neste sentido, considera que «a mensaxe chega e cala» e aínda que non todo o mundo pode participar en iniciativas similares, xa sexa pola complexidade da vida ou as limitacións físicas, asegura que «a masa de voluntarios vai in crescendo dun tempo para acó».

O traballo de Hábitat non se detén aí. Ademais de ter geolocalizadas as parcelas, fan un seguimento da zona para ver a evolución. «Non facemos sementa. É a propia vexetación nativa a que coa súa xenética volve colonizar as parcelas que se liberan. Ímoslles dando un respiro para que aos poucos se vaia recuperando», conclúe.