Federico Martinón, xefe de Pediatría do CHUS: «A vacina contra a gripe funciona moi ben contra as formas graves de enfermidade»
A TRIBO
Coa vacinación fronte á gripe en colexios, o experto asegura que «Galicia unha vez máis é pioneira e marca o camiño en estratexias de prevención»
06 nov 2025 . Actualizado á 17:18 h.A tempada de gripes e outros virus respiratorios xa comezou en Galicia e as estratexias para frear o seu avance despregáronse. O doutor Federico Martinón (Ourense, 1971) é un dos maiores impulsores da vacinación fronte á gripe a nivel galego. O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) explica como protexer os menores contribúe á inmunización de toda a poboación e ofrece consellos acerca de como actuar ante a aparición de síntomas.
—Como describiría o panorama da gripe esta tempada en comparación con anos anteriores?
—Estamos moi por baixo dos picos habituais dos últimos anos a estas alturas, aínda que non quere dicir que non vaia haber pico. A gripe non adoita fallar á súa cita. Segundo os últimos datos do sistema nacional de vixilancia, a incidencia en España rolda os dez casos por 100.000 habitantes, e Galicia mantense incluso por baixo desa media, aínda nunha fase moi inicial. Aquí adoitamos ir cunhas semanas de atraso respecto ao conxunto do país e, de momento, o número de positivos e de ingresos por gripe segue sendo limitado. En comparación con anos anteriores, o inicio está a ser máis tranquilo, sen ese repunte precoz que vimos o ano pasado, aínda que previsiblemente, o incremento chegará conforme nos acheguemos ás festas de Nadal e ás primeiras semanas de xaneiro, que é cando tradicionalmente se produce o pico na nosa comunidade.
—Como está a situación actual nos centros sanitarios e que podemos agardar nas próximas semanas?
—Neste momento, os hospitais e os centros de saúde galegos están a manexar ben a presión asistencial. Hai un aumento progresivo de infeccións respiratorias, non só por gripe, pero non vemos unha onda de gripe aínda. A maior parte dos casos que estamos a ver agora son cadros leves ou moderados, compatibles con virus respiratorios de outono. Estamos preparados, no entanto, para o esperable crecemento gradual da actividade, co pico principal probablemente a partir de finais de decembro. A cobertura vacínica está a axudar a conter a gravidade e iso é o que marca a verdadeira diferenza: a vacina contra a gripe funciona moi ben contra as formas graves de enfermidade.
—Que papel está a xogar neste sentido o programa piloto de vacinación en colexios este ano?
—A campaña escolar de vacinación fronte á gripe é unha das grandes novidades desta tempada en Galicia, así como a ampliación ata os nenos de once anos. Galicia unha vez máis é pioneira e marca o camiño en estratexias de vacinación, co calendario vacínico máis completo do mundo. Por primeira vez, a vacinación infantil está a realizarse tamén dentro dos colexios. O importante é que ao vacinar directamente nas aulas conséguese chegar rapidamente a máis nenos sen incomodar ás familias con desprazamentos. É unha vacina sen agullas, un espray nasal, o que o fai moi sinxelo. Pero o impacto desta estratexia non se mide dun día para outro. Verémolo máis adiante, cando aumente a circulación do virus. Non esquezamos que a clave é estar vacinado antes de que empece a circular o virus. Segundo os datos máis recentes do Observatorio de Saúde Pública Galega, máis do 36% dos nenos de cero a once anos xa están vacinados, e as coberturas en maiores de 60 anos superan o 24% a comezos de novembro. Temos que lograr que todo o mundo vacínese para obter o máximo beneficio.
—Que síntomas están a ver con máis frecuencia en nenos e como poden as familias distinguir a gripe doutros virus respiratorios?
—En pediatría estamos a ver sobre todo cadros febrís agudos de inicio brusco, con febre alta, malestar xeral, tose e, nalgúns casos, dor de cabeza ou de barriga, que son os síntomas típicos da gripe. Pero conviven con outros virus respiratorios que poden parecerse moito. A gripe pode tamén ter presentacións menos habituais, con afectación neurolóxica. Ás veces é imposible diferencialos sen unha proba diagnóstica, pero o máis relevante para as familias é a evolución clínica e o estado xeral do neno, máis que o nome do virus. E estando vacinados, reducimos moito as posibilidades de que esa infección teña consecuencias graves.
—Cando se debe acudir ao pediatra ou ao hospital, e cando basta con coidados na casa?
—Na maioría dos casos, os nenos con gripe ou outros virus respiratorios poden manexarse perfectamente na casa con medidas sinxelas. Se o neno está activo, bebe líquidos, a respiración é normal e a febre responde o tratamento, non é necesario acudir ao hospital. En cambio, débese consultar co pediatra se a febre dura máis de 48 ou 72 horas, se hai unha tose que empeora, rexeitamento da comida ou o neno parece máis decaído. E é importante acudir ao hospital cando hai signos de alarma, como dificultade para respirar, afundimento das costelas ao respirar, somnolencia, irritabilidade marcada ou vómitos que impiden hidratarse. Neses casos non hai que dubidar en acudir, porque poden requirir observación ou tratamento específico.
—Que recomendacións daría en canto ao manexo de síntomas na casa?
—O fundamental é manter ao neno ben hidratado, evitar o exceso de abrigo ou de calefacción, limpar o nariz con soro fisiolóxico nos máis pequenos e controlar a febre con paracetamol ou ibuprofeno nas doses adecuadas para o seu peso. Non hai que alternar os antitérmicos salvo indicación médica. Tamén convén que o neno descanse na casa ata que leve polo menos 24 horas sen febre para evitar contaxiar a outros compañeiros. En xeral, con tempo, líquidos e descanso, a maioría dos nenos recupéranse sen complicacións.
—Que medidas preventivas recomendaría ás familias para reducir o risco de transmisión?
—Ademais da vacinación, que segue sendo a medida máis eficaz, hai hábitos sinxelos que marcan unha gran diferenza. Ventilar ben as aulas e as casas, incluso no inverno, é fundamental para renovar o aire. Lavarse as mans con frecuencia e cubrirse coa flexura do cóbado ao toser ou esbirrar seguen sendo xestos moi efectivos. Tamén é importante non levar aos nenos ao colexio se teñen febre ou síntomas respiratorios importantes, para cortar as cadeas de contaxio. Nos fogares onde conviven persoas maiores ou vulnerables, recoméndase usar máscara se alguén ten síntomas e reforzar a hixiene. E, por suposto, animar a todos os membros da familia que pertencen a grupos de risco a vacinarse canto antes: os datos de cobertura en Galicia mostran que a campaña está a avanzar ben, pero aínda hai marxe de mellora.