Valentín Alfonsín promete gobernar para todos os veciños de Dodro

ou.l. dodro / a voz

SANTIAGO

12 jun 2011 . Actualizado ás 06:00 h.

O PP volve gobernar o Concello de Dodro e, de novo, con maioría absoluta, da man do novo alcalde, Valentín Alfonsín Somoza, quen aproveitou a súa primeira intervención como rexedor para anunciar que «a nosa función é gobernar para todos e axudar a todo aquel que ou precise, sempre coa lei na man».

O pleno de investidura celebrouse sen sorpresas, máis aló de que o alcalde dos últimos catro anos, Arturo Díaz, non acudiu á sesión. No seu lugar tomou posesión a número tres do PSOE, Ana Mene. No BNG, Guillermo González deu paso ao número catro, Fabián Sanmarco. Polo demais, o novo alcalde anunciou que «non vimos para quedarnos, senón para gobernar con cabeza e sentido común». Alfonsín tivo un recordo especial para persoas como José Alfonsín Rois, Serafín Somoza Torrado e Manuel González Casais, «a quenes lles debo moito do que son». Tamén se acordou do seu bisavó, José González Fabeiro, que foi alcalde hai 75 anos, e do seu fillo, que onte cumpriu cinco anos. Para rematar, lembrou que por primeira vez na etapa democrática de Dodro, «un home de Dodro é elexido alcalde de Dodro».

Por certo, neste Concello non había bastón de mando do alcalde, ata onte, despois de que Valentín Alfonsín o encargase.