Tania Vigo: «Con 14 anos deixei aos meus pais e á miña irmá en Suíza e vin para Galicia para vivir coa avoa»

YES

ANA GARCÍA

Esta veciña de Dumbría tomou a decisión a pesar do sacrificio que supuña afastarse dos seus proxenitores: «Non quería estar sempre indo e vindo, que nin es de aquí nin de alí»

04 may 2024 . Actualizado ás 12:12 h.

Tania podería estar agora contando a súa historia, unha ben diferente, a beiras das verdes augas do lago Constanza, no cantón de Thurgau (ou Turgovia), no nordeste de Suíza . Pero faino fronte a outras augas quizais máis fermosas, as azuis do mar do Ézaro, en Dumbría . Na súa casa, ao lado da da súa avoa, María Segunda Lestón Antelo, que este ano cumprirá 91 anos.

Tania Vigo Lamela, que ten 41 anos e á que moitos coñecen como A pelirroja do Ézaro, está en Galicia porque un día decidiu que esta ía ser a súa terra definitiva. E moi pronto. «Con 14 anos volvín de Suíza e quedei coa avoa». Con Maruja de Anita, que é como a coñecen nesta parroquia. E desde ese momento, que comezou cunha despedida que daría para unha escena real de película (a nena despedíndose dos pais, que se marchaban en coche a Suíza mirando cara atrás e dicindo adeus), a súa avoa xa non foi Segunda, foi a súa outra nai, a encargada de criala e ensinarlle o fundamental da vida. E de chamala, tamén hoxe, Taniña.

Pero antes de chegar a ese momento decisivo na súa vida é preciso póla en contexto. Tania forma parte desa larguísima lista de fillos de emigrantes, miles sin duda, criados na terra de orixe polos seus avós (mesmo tíos, ou irmáns maiores) mentres os seus pais estaban no estranxeiro. A casuística é moi grande: criados toda a súa primeira vida, unha parte, a todos os irmáns, a un só... Ela pasou un tempo no Ézaro desde que naceu, máis ou menos ano e medio, cos seus pais xa en Suíza. Pero a súa nai quedou embarazada da súa irmá e decidiu que tiñan que crecer xuntas. E alá foise.

Os días pasaban no medio dunha comunidade emigrante con moitos veciños da zona. O Ézaro ten a moitos veciños nos Estados Unidos e Inglaterra, e tívoos en Canarias, e Suíza foi destino importante nos 70 e 80. Tamén da contorna: Cee, Carnota... «Todos tiñamos moita relación, ata viviamos algúns no mesmo edificio. Había moi bo ambiente», lembra. As viaxes en coche a Galicia eran épicos, con ela e a súa irmá na parte de atrás, coa maletas, unha durmindo no asento e a outra sobre a equipaxe. Ás veces, no regreso, os embutidos ían debaixo da que se facía a durmida para pasar a aduana. Capítulos vitais da emigración que tantos galegos poden relatar. En ocasións, con parada en Barcelona, para ver a familiares, «e mesmo a Albacete».

De Suíza ten moi bos recordos. Ao principio custoulle un pouco integrarse, sobre todo porque andaba sempre cunha amiga de Brens (Cee), pero despois non tivo problemas, tampouco para aprender alemán. «Aínda lembro como eran os libros cos que nos ensinaban a lingua». Tamén lembra como moitos nenos, ou familias enteiras, regresaban cando lles tocaba empezar o colexio. Ela, non: cursou en Suíza todo o ensino primario obrigatoria.

Decidiu volver a Galicia

E chegado este punto é cando aparece o coche dos seus pais e a despedida. «Fun eu a que quixen volver, tomei eu a decisión», sinala. Aos seus pai custoulles bastante entendela. «Eu tíñao moi claro, se facía alí a seguinte aprendizaxe, sabía que me quedaría alí o resto da miña vida, e non. Iso significaba deixar aos meus pais, á miña irmá, aos amigos... Todo. Pero non quería aquela situación de estar sempre indo e vindo, que nin es de aquí nin de alí. Meus pais non o crían», asegura. E cando xa a deixaron coa súa avoa, despois das vacacións, o pai estivo un bo intre mirándoa desde o coche ao arrincar. Pero seguiu directo cara a Suíza.

E aí empezou a súa vida coa súa avoa, esa segunda nai que por moitos anos tivo que ser como a primeira. «Ela, moi contenta, porque estaba soa, quedara viúva con 37 anos e tivo unha vida dura e moito que traballar. E eu, moi contenta tamén». Os primeiros anos viaxaba bastante a Thurgau, en todas as vacacións. Botaba algo de menos aquilo, «pero criarte cunha avoa é algo moi bonito». Segunda era moi coidadosa con ela. «Para que non me pasara nada», chancea. E estrita. «Fixo de nai moitos anos». Tantos que compartiron casa ata despois de casada xa Tania, ata que tivo a súa segunda filla hai 10 anos, con 31. Foi entón cando comprou outra e viven ao lado, así que a separación é relativa, e o mar do Ézaro segue coloreando de azul as dúas vivendas.

Tania conta que os anos, desde adolescente, coa súa avoa, foron unha aprendizaxe «persoal e vital». A traballar no campo, a saber facer de todo. A escoitar as súas historias de saír a vender peixe de mozo, con ela na cabeza, a moitos quilómetros de distancia. A cortar piñeiros no monte, porque a súa familia tiña un serradoiro. A ver como se construía a ponte do Ézaro: aínda lembra algunha canción daquel avance. «Sempre falamos moito, e sempre lle quixen moito, e quérolle. Agora cóntalle as cousas ás miñas fillas, que aínda que son bisnetas, é coma se fosen netas. Tamén me axuda a crialas». A nai de Tania faleceu fai sete anos, con só 62. Este domingo acordarase dela e abrazarase á nai-avoa.