A historia do informático «heavy» que escribe lendas de Galicia

YES

Marcos Míguez

Nin é un friki que non sae de casa, nin é un rockeiro que vive ao límite. Este enxeñeiro informático coruñés toca a guitarra nun grupo de death metal e escribe libros sobre tradicións galegas. Abaixo os clixés

16 abr 2024 . Actualizado ás 08:40 h.

Co coruñés Álex Pernas Pan rompen todos os estereotipos. É enxeñeiro informático, ten un grupo de death metal e leva tres libros publicados sobre algo nada macabro nin escuro tipo hardcore, senón sobre as auténticas lendas de Galicia. Postos a desmontar clixés, diriamos que non se pasa o día pegado ao computador nin ancorado nunha cadeira gaming ou tocando a gaita. Tampouco ten melena nin adopta actitudes contraculturales. Gústanlle a música ruidosa e a roupa escura, si, pero tamén as tradicións galegas máis ancestrais. Se fose un símbolo, sería antes un trisquel que unha caveira. Álex é unha mestura entre Robert Plant e Bieito Romero de Luar na Lubre, mesturado con Bill Gates.

 «Estudei enxenaría de software e é o que fago profesionalmente», explica Álex. Otro tema son sus gustos musicales, que nunca han dejado de apuntar al rock pesado. «Sempre estiven tocando a guitarra en varios grupos, principalmente de metal», señala. A súa actual banda chámase Oymyakon, pero anteriormente pertenceu a outras formacións como TST, Ad Intra e Os Relámpagos de Nós. «Nos últimos anos empecei un pouco máis en serio co tema da escritura e xa publiquei tres libros ata agora». Titúlanse Xarfas (2018), A Paga (2022) e a súa última obra literaria é De entre as tebras (2023), un libro de relatos que parte dos seres e lugares da mitoloxía de Galicia. Presentouno hai pouco na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, así como nas Torres de Santa Cruz (Oleiros).

De momento tirou pola autoedición. Co seu primeiro título estivo barallando a opción de presentalo a algún certame literario ou chamar á porta das editoriais pero, finalmente, optou por sacalos á luz editándoos pola súa conta. O seu segundo libro, que é un conxunto de relatos, «está publicado pero, orixinalmente, saíu como un folletín no xornal dixital adiante.gal, durante tres anos». A súa primeira incursión no mundo das letras foi unha crítica social a modo de distopía no sentido propio da palabra, «como un mundo contrario ao que nos gustaría como seres humanos utópicos»: corrupción, desafiuzamentos, presión policial... Así llas gasta Álex escribindo.

A súa segunda obra como autor independente viraba ao redor dunha hipotética sociedade na que se establecía a renda básica universal, xogando a imaxinar como sería esa vida, ese mundo, en caso de facerse realidade. Foi co seu terceiro e último tomo editado, cando este músico informático se meteu de cheo a escribir sobre as diferentes e máis antigas lendas de Galicia: «A Santa Compaña, as meigas, as mouras..., pero todo dende un punto de vista realista. Normalmente, este tipo de relatos fanse dende a fantasía. Eu céntrome máis nas experiencias das persoas que saen nesas lendas, nesas historias. Ademais, as personaxes falan nos diferentes galegos dialectais da zona onde acontece o relato». Iso si, recoñece que, para este último libro, tivo que documentarse bastante máis que cos dous anteriores. 

ADEMAIS, PAI PRIMERIZO

A cuestión é: De onde saca o tempo este informático metalero e escritor para este polifacetismo cultural seu, que tanto lle leva a un local de ensaio como á biblioteca municipal do poboo semana tras semana? «Esa é unha boa pregunta! De onde podo. Vou facendo pouco a pouco, nos tempos libres que teño e con calma», responde Álex Pernas. Ademais, «teño un neno que vai cumprir 3 anos e iso tamén fai que teña menos tempo», puntualiza o orgulloso pai primerizo.

En canto á súa traxectoria co grupo ao que pertence, Oymyakon, aínda que o pesadelo do covid deu ao traste con moitos dos concertos que tiñan programados, «a »gora parece que estamos volvendo a arrancar e esperamos ter de novo varias actuacións este ano, confesa. O seu estilo é unha mestura «entre o death metal con algún toque de groove», puntualiza.

Por máis que o seu non sexa precisamente o folk ou a música tradicional, Pernas non ve demasiado contraste entre a música que toca e os mitos galegos sobre os que escribe. «Ao final, as lendas e a música van moitas veces da man. No noso xénero está o power metal, por exemplo, cuxas letras poden versar sobre fantasías e lendas. Se cadra, non son os estilos que mais me gustan a min, pero é así. Temos a grandes da música metal que ás veces cantan sobre castelos e dragóns. O que eu escribo non ten absolutamente nada que ver con ese mundo de fantasía, non é algo tipo Tolkien, é algo mais realista. ‘Música tradi’ non a toco quizais porque nunca me xurdiu a oportunidade de unirme a un grupo dese estilo, pero tamén é un mundo que me gusta moito».

Outra das súas grandes paixóns foi a informática. «Sempre me gustou bastante chafallar con ordenadores. Cando chegou a hora de elixir a carreira, nesa época en que non tes moi claro a que te queres dedicar, actuei un pouco por inercia. Aventureime coa Enxeñaría Informática, porque era un tema que sempre me gustara e, a día de hoxe, ségueme gustando. É unha profesión coa que estou contento», afirma.

Se só puidese quedar cunha dos seus tres facetas, —informático, músico ou escritor—, «non sabería dicirche», di Álex, titubeando na súa resposta. «Se cadra, a que menos sería a música. Ao non exercela de xeito profesional, tes algunha saída ao local de ensaio e xa. Pero claro, non sei como acabaría levando iso de vivir na estrada constantemente e o de estar máis tempo fóra da casa que dentro». O que máis lle completa intelectualmente na actualidade son a lectura e a escritura. «Despois de varias etapas, podo dicir que si, volvín ser un ávido lector outra vez».

E así remata a historia deste polifacético coruñés, ao que nunca se lle coan as memorias RAM e as IP da linguaxe informática nas súas historias literarias porque sabe moi ben onde empeza unha cousa e onde acaba a outra. «O único é que nun dos relatos de A Paga o protagonista é enxeñeiro de software, pero nada máis, tampouco se mestura moito. O estereotipo segue existindo. Hai xente así. Xente que pasa horas programando. Eu chego a casa e prefiro tocar a guitarra ou poñerme a escribir. Xa programei dabondo durante todo o día», conclúe Álex Pernas.