«Sorte é saber que demanda o lector»

Begoña Rodríguez Sotelino
Begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

CEDIDA

A viguesa debuta na literatura infantil cunha historia de zombis para nenos que edita Galaxia

16 novs 2016 . Actualizado ás 22:10 h.

Patricia Mallo (Vigo, 1985), defínese como «escritora a tempo parcial». Polo menos, esa é unha das motivacións que moven á autora novel que, aínda que o que sempre quixo foi dedicarse ao sector audiovisual, acaba de debutar no ámbito literario cos Cabezombis na mansión Espello, unha obra para público preadolescente, editada por Galaxia, que este mes presentou na súa cidade.

-Como xurdiu a idea do libro e, sobre todo, como xurdiu a oportunidade de velo publicado, xa que para boa parte dos autores novos, non é doado entrar no circuíto editorial?

-Eu estudei Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e sempre me sentín atraída pola necesidade de contar historias. Hai dous anos déronme unha bolsa para irme a traballar ao estranxeiro. Concretamente, á India. O traballo deixábame bastante tempo libre e aproveitando as longas horas de calor nas que non podías saír á rúa, comecei a tratar de empezar a escribir unha novela. A min tamén me gusta moito debuxar e a idea do libro veume á cabeza un día que estaba garabateando uns bonequiños nun caderno. Ocorréuseme facer uns zombis e pensei que como en Galicia non había ningunha novela infantil con esa temática, eles tiñan que ser os protagonistas.

-Unha cousa é pensalo e outra é darlle saída. Como foi ese proceso ata chegar a Galaxia?

-O certo é que estaba acostumada ao rexeitamento das produtoras, porque o meu interese inicial estivo sempre máis preto á escritura destinada á ficción cinematográfica. Pero as produtoras non teñen por costume admitir guións. A túa porcentaxe de opcións é o 0 %. Con todo, no sector editorial si se interesan polo que lles ofrecen. Polo menos reciben os manuscritos, aínda que logo teñan que pasar moitos filtros. Pero vin polo menos a porta de entrada aberta. Pensei que talvez por tratarse dunha novela sobre zombis, tiña a oportunidade de que o lesen. Escribina en galego e envieina á editorial Galaxia. Un mes despois púñanse en contacto comigo.

-Así, sen padriños, nin nada...

-Si. Creo que tiven sorte, aínda que a sorte está tamén en saber ou en intuír que é o que demandan os lectores. Ademais, no libro hai humor, fantasía e aventuras, que son ingredientes moi importantes para construír unha historia amena.

-Iso tamén lle quedou claro cando escribía guións?

-Si. No audiovisual hai que pórse as pilas e ofrecer algo orixinal para poder facerse un oco nun mundo con exceso de oferta.

-Terá continuidade?

-Penso que si a terá. A obra está a ter boa aceptación e diso depende que haxa máis aventuras dos cabezombis.

-Neste momento onde diríxense os seus pasos profesionais?

-Levo unha tempada vivindo en Madrid. Traballo na Universidade Carlos III, no departamento de Relacións Internacionais, no que nos ocupamos de xestión administrativa relacionada coa mobilidade dos alumnos cara ao estranxeiro. Cheguei ata aquí por casualidade, pero co paso dos anos dásche conta de que facer o que desexas é moi complicado. Por iso enfoquei a miña carreira cara á mercadotecnia online e logo cara ás relacións internacionais. O de escribir guións deixeino para o apartado de hobbies.

-Pero xa se rendeu?

-Non, pero son realista e en España hai poucos escritores que vivan da escritura. Tes que compaxinalo con outra cousa.

-Como lle gusta debuxar, atreveuse tamén a ilustrar o seu propio libro?

-Non. Non me atrevo. Das ilustracións encargouse a debuxante coruñesa Perrilla, que o fai xenial. Fixo un traballo moi bo.

-Como foi a súa experiencia na India?

-Estiven un ano traballando na oficina comercial da embaixada de España en Nova Deli, bolseira polo Ministerio de Economía. A India é un país un pouco duro e como experiencia estivo ben, pero non quedaría máis tempo. Non por ser muller, porque o feito de ser estranxeira alivia a presión. En xeral o ambiente é tranquilo. O problema é ser india e vivir nunha zona rural.