A Xunta licita por 550.000 euros a rehabilitación da Cárcere Vella de Tui

TUI

cedida

O inmoble transformarase nun centro de atención a peregrinos

24 sep 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Turismo de Galicia acaba de licitar o proxecto de rehabilitación do edificio da Cárcere Vella de Tui para destinalo a centro de recepción e atención de peregrinos e de interpretación do conxunto histórico artístico de Tui, no marco do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea por importe de algo máis de 550.000 euros.

A obra proposta pretende a realización da rehabilitación da edificación deste inmoble de tal xeito que se recupere a súa orixinalidade con a  eliminación de subestructuras alleas, así como actuacións sobre a cuberta de teza e estrutura portante orixinal, recuperando espazos diáfanos e acondicionando os exteriores para da servizo o usuario e exposicións que se poidan albergar.

A execución destes traballos permitirá recuperar o acceso principal do edificio e a imaxe orixinal dos patios e escaleiras exteriores. Do mesmo xeito, no interior eliminaranse todas as estruturas non orixinais para recuperar a monumentalidade do edificio orixinal e melloraranse as condicións acústicas e térmicas do espazo. O proxecto, para o que se establecen dúas anualidades, inclúe tamén reforzo de estrutura de cuberta e illamento pertinente contra o lume así como outras actuacións de protección e seguridade para os usuarios do futuro centro.