A Xunta reforza os autobuses Tui-Vigo para evitar que máis usuarios quedan sen praza

TUI

Mónica Torres

Ademais do que sae actualmente ás 7.00 desde A Guarda, adiántase outro máis que partirá ás 7.10 horas facendo o mesmo percorrido

22 sep 2023 . Actualizado ás 18:12 h.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade modificará desde o vindeiro xoves, día 28 de setembro, horarios nos servizos de autobús entre Tui e Vigo para atender adecuadamente o aumento de usuarios inscritos. As prazas non eran suficientes e por iso, desde que comezou o curso escolar, houbo numerosos incidentes, especialmente en Tui debido a que, no autobús que pasa ás 7.40 horas pola rúa Ourense, non había cabida para os usuarios. Varias persoas denunciaron que perderan citas médicas ou que non podían chegar a tempo aos seus traballos ou clases chegando a ter que conseguir que familiares os achegasen a outras paradas, aínda estando a varios quilómetros, para chegar ao autobús antes de que se esgotasen as prazas. 

A Xunta decidiu adiantar o horario de saída da liña A Guarda-Tabagón-Goián-Tomiño-Taborda-Tui-Porriño-Vigo estación intermodal. Este servizo, que parte actualmente ás 8.00 horas da Guarda e pasa por Tui ás 08.45 horas, adiantarase ás 0,10 horas, pasando por Tui ás 07.55 horas e con chegada á estación intermodal de Vigo ás 08.55 horas.

Esta viaxe contará coas seguintes paradas intermedias entre Tui e a estación de autobuses intermodal de Vigo: Tui (Magnolia), Rebordáns, Guillarei (cruzamento), Guillarei (casa oficios), Empalme de Guillarei, Cerquido (bar Antoxo), Cerquido, Empalme Cerquido, Empalme de Casal (Budiño), Rocha (Atios), Porriño (A Guía), Porriño (Instalauto), Porriño (Xulgado), Ponte Galo (avenida.de Galicia), Puxeiros, Meixoeiro (instituto), Meixoeiro (hospital), Vigo (avenida de Madrid), Vigo estación intermodal. As paradas intermedias permiten ampliar as alternativas de viaxe dos estudantes que se desprazan cara a Vigo. Co adianto de 50 minutos trátase de dar resposta ao incremento da demanda na conexión entre Tui e Vigo derivada do inicio do curso escolar, atendendo ao tempo a cuestións organizativas dos servizos de transporte público interurbano de competencia autonómica. A Xunta destaca a disposición e colaboración da empresa operadora para dar resposta ás necesidades globais de mobilidade da cidadanía.

A información relativa aos novos horarios polas respectivas paradas, así como tamén aos servizos dispoñibles pódese consultar na páxina web www.bus.gal.