Patrimonio perita o viaduto antigo de Redondela para darlle uso peonil

m.t. REDONDELA / LA VOZ

REDONDELA

cedida

O Concello quere que o proxecto inclúa un miradoiro

24 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Dirección Xeral de Patrimonio realizou xa unha peritaxe sobre o estado do viaduto de Madrid, o máis antigo de Redondela, construído en 1876, para garantir a súa seguridade no caso de dotalo dun uso peonil. Esta é a pretensión do goberno local, que retoma un proxecto que xa foi proposto no 2004 polo exalcalde socialista Xaime Rei, pero que nunca chegou a executarse. A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Cultura e Patrimonio, Rita Álvarez, mantiveron esta semana unha reunión de traballo telemática co director xeral de Patrimonio do Estado, Juan Tejedor Carneiro, para avanzar no proxecto e facer un paseo peonil sobre este paso «que é un elemento de identidade e símbolo de Redondela».

Agora, o goberno local xestionará co Ministerio de Cultura a posibilidade de facer un miradoiro na superficie «que ofrecería unhas vistas espectaculares sobre Redondela, con paisaxes sobre a vila pero tamén sobre o mar e a montaña», explica a concelleira Rita Pérez. O Concello defendeu ante Patrimonio que o proxecto «dotaría dun gran valor socio cultural ao propio monumento e concienciaría á cidadanía sobre o seu valor histórico». Considera ademais que «sería unha vía de acceso segura para os peregrinos que realizan o Camiño Portugués pola Costa, evitándolles o cruzamento da estrada Nacional 552, que rexistra un elevado volume de tráfico.

O antigo paso utilizouse durante case un século para o paso dos ferrocarrís que cubrían a liña entre Vigo e Ourense. En 1971, a construción dunha nova variante entre a estación de Redondela e Os Valos fixo que se pechase definitivamente. Leva máis de medio século en desuso e a súa reconversión, «devolveríalle o valor a esta icona». Patrimonio do Estado acometeu traballos de restauración en 1996 e no 2008 o enxeñeiro Eduardo Gómez López elaborou un proxecto para convertelo en pasarela peonil cun orzamento de 1,3 millóns de euros.