Deputación e Concello financian en Oia un novo mercado que integra arte, cultura e comercio

OIA

cedida

O proxecto ascende a un millón de euros

27 novs 2023 . Actualizado ás 18:40 h.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, asinaron este luns un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de case 400.000 euros, o 40 % do orzamento, os traballos para a rehabilitación do mercado de Oia. O  Concello, pola súa banda, achega o 60 % do total (590.000 euros). O acordo asinouse na primeira visita institucional do mandatario provincial a este concello. Un encontro no que López puxo en valor o traballo realizado polo equipo de goberno e aplaudiu a execución deste tipo de proxectos que transforman os equipamentos municipais e ofrecen mellores servizos a cidadanía.

A obra, valorada nun total de 982.000 euros, servirá para a recuperación dun comprado singular no centro do municipio. Un proxecto que converterá este inmoble nun espazo de encontro para a cidadanía que integrará arte, cultura e comercio. Os traballos centraranse na creación dun espazo central diáfano e dunha bancada que permitirá a organización de eventos e a asistencia de espectadores. Ademais, o proxecto contempla a restauración da cuberta respectando o deseño orixinal a oito augas, a substitución da estrutura de aceiro por unha de madeira, a apertura de catro portas, unha en cada fachada; e a conservación das aberturas orixinais na fachada e na cuberta para dotar de iluminación natural a un edificio que verá mellorada tamén a súa conexión coa fachada marítima.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar finalizadas antes de 30 de abril de 2025. A firma deste protocolo entre Deputación e o Concello de Oia realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial véxase reducido.

A deste luns, foi a primeira visita institucional de Luis López a Oia como presidente da Deputación e quixo agradecer a remarcar o compromiso do goberno provincial para escoitar as necesidades do Concello, respectar a autonomía do goberno local á hora de escoller que obras levar a cabo e a apoiar proxectos transformadores.