O avó de Oia cumpre 102 anos

M.T. OIA

OIA

cedida

Abel Diego Acevedo soprou as velas acompañado pola súa muller, Guadalupe Giráldez e a súa familia

30 ago 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O avó de Oia cumpriu 102 anos acompañado pola súa familia e pola alcaldesa, Cristina Correa, que lle levou a torta de parte dos seus veciños. Abel Diego Acevedo e a súa muller, Guadalupe Giráldez González, compartiron toda unha vida e en febreiro cumpren 75 anos de casados. A parella, con dous fillos, cinco netos e catro bisnietos, lembra perfectamente o momento no que as súas vidas se cruzaron hai 78 anos e explicárono a La Voz no último aniversario. «Foi nunha festiña de Reis, en Refoxos. Pareceume guapa e axeitadiña, pero dixo que non podía ennoviar comigo porque tiña 17 anos e o pai non lle ía deixar», dixo Abel. O futuro inminente do pretendente fixo que a moza cambiase de opinión en minutos. «Díxenlle que eu ía marchar á telleira e que non ía volver en medio ano. Ah, entón si, porque cando veñas xa terei eu os 18 anos», contestoume.

Foi amor a primeira vista e para toda a vida: «Traballabamos moito e entendiamonos ben». Por iso desbordan complicidade. «Nunca tivemos discordias», aseguraban os casados.